Publicador de contidos

Publicador de contidos

'A derradeira leición do mestre', de Castelao, volve a Galicia para ser exposta en Pontevedra

'A derradeira leición do mestre', de Castelao, volve a Galicia para ser exposta en Pontevedra

O cadro chegará o 17 de xuño, sete anos despois de estar no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela entre 2018 e 2019

G24.gal 08/06/2026 21:51

 A obra 'A derradeira leición do mestre', pintada por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao en 1945, puxo rumbo a Galicia desde Buenos Aires este luns para ser exposta este verán no Museo de Pontevedra.

Deste xeito, o cadro volverá á Comunidade sete anos despois de estar no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela entre 2018 e 2019.

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, asistiu esta mañá ao Centro Galicia da capital arxentina para supervisar o proceso de saída do cadro, que foi descolgado e embalado para o seu transporte a Galicia, onde se prevé que chegue o próximo 17 de xuño.

En concreto, a obra viaxará en avión ata Alemaña, desde onde partirá por estrada ata chegar a Galicia unha semana antes da inauguración da exposición. Todo o proceso cumprirá cos estándares internacionais de transporte de obras artísticas, polo que estará xestionado por unha empresa especializada.

'A derradeira leición do mestre' exhibirase no Museo de Pontevedra do 25 de xuño ao 27 de setembro. Trátase dun óleo sobre lenzo de 2 metros de alto e, á súa vez, é unha das obras máis emblemáticas de Castelao.

Pintada en 1945 para o Centro Ourensán de Buenos Aires, entidade integrada posteriormente no Centro Galicia, a pintura foi concibida nun contexto de forte carga política e simbólica e presentada no noveno aniversario do fusilamento de Alexandre Bóveda, figura clave do galeguismo e amigo privado do artista.

O lenzo reproduce a estampa número 6 de 'Galicia mártir', o primeiro dos tres álbums de debuxos publicados por Castelao durante a guerra. Na escena represéntase o cadáver dun mestre de escola, rendendo homenaxe a Bóveda.

"Hai obras que pertencen ao patrimonio dun museo e outras que forman parte da alma dun pobo. 'A derradeira leición do mestre' é unha delas", reivindicou Domínguez.

Para o vicepresidente provincial, poucas obras representan con tanta forza os valores e as ideas que Castelao legou, sendo "unha das creacións máis universais e simbólicas da súa historia cultural". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos