Samuel L. París: "O humor é unha mostra de vulnerabilidade, para nos defender"
O poeta Samuel L. París fai unha incursión na narrativa cos relatos de 'Pifostio'
Os relatos abordan diversas temáticas e teñen distintos formatos, desde a reflexión e o humor
No 2025 saca tamén novo poemario de corte intimista 'O tenro e o salvaxe'
Hoxe traemos un libro onde saen elfos, mosquitos, o discurso de aceptación dun Premio Nobel, infidelidades, distopías, Britney Spears, un aspirador Dyson, ou unha faneca. É Pifostio. Un delicioso e singular libro de relatos que escribiu Samuel L. París na súa primeira incursión fóra da poesía.
Tennos acostumados a compartir a súa experimentación. Un poeta loitando contra a rutina das máis diversas maneiras. Esta vez o creador deixou a poesía e entrou nunha experimentación narrativa. ‘Pifostio’ son 61 relatos, algúns para quedar a vivir, outros para reflexionar, hainos para escachar da risa, hainos poéticos, hainos desconcertantes.