Yeremay: “Tiven moitos días de baixón”

Na súa primeira comparecencia ante os xornalistas recoñeceu estar “moi nervioso” porque para el é “máis fácil xogar que estar aquí sentado”

G24.gal 30/11/2023 13:10 Última actualización 30/11/2023 13:17

Unha fractura no peroné da perna dereita, sufrida no derbi contra o C. D. Lugo na segunda xornada, provocou que o atacante do Deportivo Yeremay Hernández tivera “moitos días de baixón” ata que o pasado domingo reapareceu no partido contra o filial do Osasuna.

“Estiven un pouco fodido. Estiven tres meses parado e parecía que non avanzaba. Tiven moitos días de baixón, non me recuperaba e seguía tendo dores na perna. Pero xa estou ben, estou a traballar, collendo ritmo e moi contento”, declarou.

Na súa primeira comparecencia ante os xornalistas, recoñeceu estar “moi nervioso” porque para el é “máis fácil xogar que estar aquí sentado”, ademais de agradecer o apoio que tivo durante este tempo do técnico Imanol Idiakez e dos seus compañeiros.

“Cada vez me atopo mellor a nivel físico, malia que aínda me faltan unhas semanas para coller o ritmo de competición. En ningún momento pensei en irme a outro equipo por non xogar, o meu obxectivo sempre foi estar no Dépor”, manifestou.

O canario, novo ídolo do deportivismo, asume que a chegada ao primeiro equipo implica “novas esixencias” para el como “comer mellor, adestrar máis”, ao que se está adaptando aos poucos.

“Estou moi orgulloso de que a xente me transmita en todo momento o seu apoio e queira verme xogar. É un orgullo estar no Dépor e que a xente me queira tanto. Agora toca poñerme en forma, coller o ritmo e sacar isto adiante”, sinalou ao ser cuestionado polo recibimento que lle brindou Riazor.

Asegurou que a súa chegada ao primeiro equipo non foi “fácil” porque tivo que “correr moito” para conseguir asentarse, pero veo como algo lóxico pola súa mocidade.

“Hai que ir aos poucos, en ningún momento sentinme mal. Agora estou moi feliz, con moitas ganas de traballar para seguir mellorando. Non teño presión aínda que nestas últimas semanas falouse moito da miña volta”, afirmou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade