Rueda, fronte aos acordos de investidura: "Galicia será leal, pero non submisa"
O presidente da Xunta reclama a celebración dunha Conferencia de Presidentes que trate as reformas sobre o financiamento autonómico e o equilibrio territorial
As comunidades esixen un trato igualitario e anuncian recursos ante a xustiza
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cargou contra o proxecto de España "asimétrica" que promove o xefe do Executivo en funcións, Pedro Sánchez, xunto aos seus potenciais socios de investidura e reclamou a celebración dunha Conferencia de Presidentes para que "o que afecta a todos se decida entre todos".
Acompañado de todos os integrantes do seu goberno, que suspenderon ou modificaron a súa axenda á primeira hora deste venres, Rueda sinalou nunha declaración institucional no pazo de Raxoi, na praza do Obradoiro, que Galicia será "leal, pero non submisa" e que responderá "con contundencia" ao acordo anunciado onte entre o PSOE e ERC para a investidura.
Este acordo, "de levarse a cabo", dixo, "non só afecta o peto dos galegos", xa que suporía "mutualizar entre todos os españois" a débeda dunha Administración que non xestionou correctamente, senón que, ademais, supón a modificación do modelo territorial do país e "erosiona gravemente" os dereitos do conxunto dos españois.
O presidente da Xunta sinalou que Galicia vai resultar "especialmente prexudicada" e destacou que os 16.300 millóns de euros que o Executivo estaría disposto a condonar a Cataluña equivalen a todo o orzamento de Galicia de 15 meses, máis dun ano.
Na súa intervención o titular do Goberno galego alertou contra "unha difusa e inconcreta vontade" do Executivo para "compensar" o resto de autonomías e lamentou que Galicia vaia ser "prexudicada por actuar dun modo responsable" na xestión das súas financias públicas, "todo o contrario do que fixo o independentismo catalán".
Tamén apuntou ao BNG, aínda que sen mencionalo, polos acordos que estaría a alcanzar co PSOE para investir a Sánchez, uns acordos "en cuestións menores e repetidas", considerou.
Rueda apelou a que se cumpran e a que se reforme "de modo urxente" o sistema de financiamento autonómico para "atender con equidade" ao conxunto dos cidadáns.
"O que é de todos decídese entre todos, non entre dúas partes", reivindicou, e recoñeceu que pode haber unha "infrafinanciación" en infraestruturas en determinados territorios, pero débese atender a todos, non a un só, dixo.
"España non pode ser unha nación asimétrica, ningunha investidura vale tanto coma isto", concluíu o presidente galego, que incidiu en que "a clave" do Estado español é a solidariedade entre territorios e "cando este equilibrio rompe non triunfa ningunha comunidade, perdemos todos".
Para finalizar, reclamou un trato "autenticamente equitativo" e un sistema de financiamiento que garanta "os mesmos estándares de calidade" en todo o territorio nacional". "Galicia vai seguir sendo leal, pero non será en ningún caso submisa", reivindicou.
"A partir de agora, e máis forte que nunca, defenderemos a dignidade de Galicia", concluíu.