O PP tacha de "corrupción política" a condonación da débeda a Cataluña
O Goberno en funcións asegura que a medida será extensible a todas as comunidades autónomas e que non afectará a posición de España nos mercados financeiros
A presidenta do Congreso habilita todos os días, incluídos festivos, ata o 27 de novembro, para convocar o pleno de investidura
O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, reuniu de urxencia este venres os seus voceiros no Congreso, no Senado e no Parlamento Europeo para avaliar o acordo asinado entre o PSOE e ERC.
En conferencia de prensa, a secretaria xeral do partido, Cuca Gamarra, asegurou que "eses 15.000 millóns que din que van condonar, imos pagalos o resto dos españois, é o prezo que imos pagar por sete votos: máis de 2.000 millóns de euros vai custar cada voto deses sete escanos de ERC". Segundo a popular, estamos ante "a compra de sete votos co diñeiro de todos os españois e isto é un exercicio absoluto de corrupción política".
O Goberno en funcións defende a medida. Segundo Nadia Calviño, vicepresidenta primeira e ministra de Economía en funcións, "estamos falando dunha transferencia entre administracións que ten un impacto contable pero que non afecta á posición de España nos mercados financeiros".
Tampouco afectará, segundo Calviño, o equilibrio entre comunidades autónomas xa que, asegurou, "garantimos a igualdade de trato de todas as comunidades autónomas, e, polo tanto, trátase dunha medida que sería extensible ás comunidades gobernadas polo PP". Tamén se declarou "sorprendida" pola "reacción tan rápida que tiveron algunhas comunidades que precisamente arrastran un volume enorme de débeda pública".
Pero o PP non compra este argumento e anuncia accións a nivel político, xurídico e institucional. "As accións empezan dende xa e dicímoslle aos españois que nin nos van calar nin imos quedar quietos", apuntou Cuca Gamarra.
Dende ERC celebran o acordo. O seu presidente Oriol Junqueras cualifícao de "útil" e "bo para a cidadanía" xa que vai reducir a débeda per capita dos cataláns nuns 2.000 euros.
Animados por este acordo, os socios da coalición ven a investidura máis preto. Marta Lois, voceira de Sumar no Congreso, está "convencida que antes que tarde teremos esta boa noticia".
Pero, polo momento, a investidura segue sen data. A presidenta do Congreso habilitou todos os días ata o 27 de novembro, festivos incluídos, para a posible convocatoria dese pleno.
Mentres tanto, o candidato aproveitaba este venres para participar na consulta interna que leva a cabo o PSOE sobre os seus pactos. Os resultados coñeceranse o domingo.