Rueda di que non se poden defender as enerxías verdes e poñer impedimentos

O presidente da Xunta fixo estas declaracións no día en que o TSXG comunicou a suspensión cautelar do permiso da Xunta para un parque eólico

 "É posible ser cada día máis verde, ecolóxico e sostible sen levar por diante cousas feitas", dixo o xefe do Executivo galego

Alfonso Rueda Alfonso Rueda
G24.gal 28/11/2023 17:17 Última actualización 28/11/2023 17:45

O presidente da Xunta asegurou este martes, na clausura da segunda edición do Foro Empresa Sostible organizado pola CEP, que non se pode falar de impulsar "enerxías verdes" e, ao mesmo tempo, poñer "impedimentos". Neste sentido, sinalou que eses proxectos "ou non existirán ou existirán noutros sitios nos que se aplique un pouco máis de cabeza".

Alfonso Rueda fixo estas declaracións no día en que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia comunicou a suspensión cautelar da autorización da Xunta para un parque eólico.  O xefe do Executivo autonómico manifestou que a administración está "moi concienciada" coa sustentabilidade e a loita contra o cambio climático.

"Hai apenas uns anos era unha preocupación moito máis liviá. Aínda nos queda concienciación e facela con 'sentidiño'", sinalou o presidente da Xunta.

Rueda defendeu que as empresas non poden "crecer a calquera custo", pero, ao mesmo tempo, deixou claro que "para vivir neste planeta a vida económica tamén é fundamental" e non se pode "levar por diante o que se pode manter dunha maneira sostible". Por iso apelou a aplicar o "sentido común" para conseguir os "obxectivos" e por "simplificar as normativas administrativas".

"Galicia é verde e ten que seguir séndoo", manifestou Rueda, quen sostivo que os "turistas veñen por moitas cousas, entre elas porque esperan atopar un medio ambiente coidado, consentido, sostible, que dea gusto velo e iso é compatible coa actividade económica", manifestou Alfonso Rueda.

"É posible ser cada día máis verde, ecolóxico e sostible sen levar por diante cousas feitas", incidiu o presidente. O dirixente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, advertiu de que "a sustentabilidade" por parte das empresas, a aposta polas enerxías limpas e a descarbonización, son "unha tarefa de todos", á vez que considerou "imprescindible" a colaboración público-privada.

No Foro Empresa Sostible entregáronse os premios da Aproema, que chegan á súa sexta edición e que tivo á empresa Hijos de Rivera como principal galardoado polo seu compromiso ambiental. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade