Puigdemont non se presenta no xuízo do Tribunal de Contas polos gastos do 'procés'
Puigdemont non se presenta no xuízo do Tribunal de Contas polos gastos do 'procés'
O órgano contable non aceptou a súa petición e a doutras defensas para que comparecese por videoconferencia
O Tribunal de Contas celebra a vista para dirimir a presunta responsabilidade de 35 exaltos cargos cataláns no emprego de fondos públicos para o referendo do 1 de outubro de 2017 e a promoción exterior do procés
.png)
O expresidente catalán Carles Puigdemont, fuxido en Bélxica desde 2017, non se presentou este venres na vista que celebra o Tribunal de Contas sobre o desvío de fondos para sufragar o procés, na que estaba citado a declarar a proposta da defensa doutros exaltos cargos demandados.
Puigdemont estaba citado presencialmente na vista, logo de que o órgano contable rexeitara a súa petición e a doutras defensas para comparer por videoconferencia por non xustificar as razóns que lle impedían acudir ao proceso e non presentar a solicitude con maior antelación.
"Señor Boye, confírmame que o seu patrocinado non compareceu?", preguntou a conselleira ao avogado do expresidente catalán Carles Puigdemont.
"Confírmolle, señoría, que non compareceu, que quería comparecer e que nunca foi citado persoalmente", anunciou o letrado Gonzalo Boye.
As defensas que propuxeron o interrogatorio de Puigdemont recorreron o rexeitamento da conselleira a que declarase por videoconferencia, un recurso ao que se opuxo o fiscal.
Aínda que a conselleira deberá decidir en base ao disposto na lei de axuizamento civil, fontes consultadas por EFE estiman que a súa ausencia non tería maior consecuencia que a de non practicar a proba solicitada pola defensa que o solicitou.
Na vista deste venres, en que non é necesaria a presenza dos demandados, o tribunal practicará a proba proposta para determinar a presunta responsabilidade contable de 35 exaltos cargos cataláns no emprego de fondos públicos para o referendo do 1 de outubro de 2017, declarado ilegal, e a promoción exterior do procés.
Ademais de Puigdemont, están demandados o expresidente catalán Artur Mas, o exvicepresidente Oriol Junqueras, varios exconselleiros, exdelegados do Govern ante diferentes países e diversos exaltos cargos da Generalitat procesados en causas xudiciais derivadas do procés.
A Fiscalía cifra ese suposto desvío nuns 3,4 millóns de euros, que solicita que aboen os demandados, mentres que Sociedade Civil Catalá, que tamén exerce de demandante, elévao a 5,3.