Un tremor de magnitude 6,4 deixa polo menos 157 vítimas mortais no Nepal

As operacións de rescate continúan e hai centos de vivendas danadas 

As zonas máis afectadas son montañosas e de difícil acceso por estrada

 

Evacuación de vítimas nun helicóptero Evacuación de vítimas nun helicóptero
G24.gal 04/11/2023 08:34 Última actualización 04/11/2023 14:59

Polo menos 157 persoas morreron e 185 quedaron feridas tras o tremor rexistrado no oeste do Nepal. Segundo o Centro Nacional de Investigación de terremotos, tiña unha magnitude de 6,4 pero o Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos rebaixouna a 5,6. 

Segundo informa o portavoz do Exército nepalí, Krishna Prasad Bhandari, as operacións de rescate continúan e hai centos de vivendas danadas polo que se agarda un aumento no número de vítimas.

O sismo afectou sobre todo as rexións de Jajarkot e Rukum Occidental. Ambas as dúas zonas caracterízanse polo seu carácter montañoso e polo seu difícil acceso por estrada.

O Nepal atópase entre os países máis propensos a desastres naturais e conta cunha poboación moi vulnerable, maiormente pobre, ademais de carecer de infraestrutura suficiente para facer fronte a inundacións ou terremotos.

Exposta a terremotos

De acordo coa Asociación Asiática de Preparación (APP), unha alianza creada para coordinar a resposta a emerxencias entre países asiáticos, Katmandú é a capital nacional exposta ao maior risco de terremotos de 21 megacidades de todo o mundo.

O 25 de abril de 2015, un terremoto de magnitude 7,8 sacudiu O Nepal derrubando edificios de varios pisos en Katmandú e provocando desprendementos de terra e avalanchas nas montañas. Case 9.000 persoas morreron e máis de 22.000 resultaron feridas.

Aquela catástrofe deixou, ademais, centos de miles de persoas sen fogar e causou danos valorados en preto de 6.470 millóns de euros. Más de sete anos despois do sismo, os labores de reconstrución aínda non finalizaron.

Unha das casas derruídas polo tremor Unha das casas derruídas polo tremor
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade