O rei Carlos Gustavo de Suecia entrega este domingo os Premios Nobel

O Nobel da Paz, que este ano corresponde á activista iraniana Narges Mohammadi, entregarase nunha cerimonia en Oslo

G24.gal 10/12/2023 08:37 Última actualización 10/12/2023 10:25

O rei Carlos Gustavo de Suecia entrega este domingo os Premios Nobel a tres mulleres e sete homes, entre eles os investigadores que crearon as bases para as vacinas de ARN mensaxeiro contra a covid-19 e ao escritor noruegués Jon Fosse.

Nunha cerimonia que comezará ás 16:00 hora local na Sala de Concertos de Estocolmo, o monarca fará entrega da medalla, o diploma e o certificado monetario que acredita os novos Nobel de Medicina, Física, Química, Economía e Literatura.

O Nobel da Paz, que este ano corresponde á activista iraniana Narges Mohammadi pola súa loita contra a opresión das mulleres en Irán e por promover os dereitos humanos e a liberdade para todos, entregarase nunha cerimonia en Oslo que comezará ás 13:00 horas.

Mohammadi está encarcerada na prisión iraniana de Evin, onde este domingo comezará unha nova folga de fame para solidarizarse coa persecución que sofre a minoría relixiosa bahaí en Irán, anunciou a súa familia.

En Estocolmo, a entrega de galardóns estará presidida polos reis Carlos Gustavo e Silvia e a ela asistirán tamén desde o escenario a princesa herdeira Victoria e o seu esposo, o príncipe Daniel.

Mulleres distinguidas

A economista Claire Goldin será a terceira muller en gañar este premio desde a súa creación e a primeira que o reciba en solitario, mentres que Anne L’Huillier é a quinta en Física. A elas súmanse Katalin Karikó en Medicina e Mohammadi.

O premio en Medicina distingue a Karikó e Drew Weissman, considerados pais das primeiras vacinas contra a covid, mentres que en Química recibirano Moungi Bawendi, Louis Brus e Alexei Ekimov polo descubrimento e a síntese dos puntos cuánticos.

L’Huillier recibirá o Nobel de Física xunto a Pierre Agostini e Ferenc Krausz polos seus traballos para xerar attosengundos que permiten investigar a dinámica dos electróns.

Goldin faise acredora do galardón en Economía polos seus estudos sobre a participación da muller no mercado laboral e a brecha de xénero.

Nobel de Literatura

Jon Fosse, considerado uns dos principais dramaturgos das últimas décadas, recibirá o galardón de Literatura polas súas innovadoras obras de teatro e a súa prosa, que dan voz ao que non se pode dicir.

A cerimonia de entrega destes galardóns, que recoñecen a aqueles que coa súa obra conferiran “o maior beneficio á humanidade”, celébranse cada ano o 10 de decembro, día que en 1896 faleceu o seu fundador, Alfred Nobel, na localidade italiana de San Remo.

A xornada pecharase cun banquete de gala en honra dos premiados, que se celebrará no Salón Azul do Concello de Estocolmo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade