Israel expande as súas operacións terrestres cara ao sur da Franxa de Gaza

 As tropas hebreas intensifican os ataques e matan máis de 700 persoas en 24 horas

G24.gal 03/12/2023 08:24 Última actualización 03/12/2023 21:57

O xefe do Estado Maior do Exército israelí, Herzi Halevi, confirmou a expansión das operacións militares terrestres cara ao sur de Gaza. Horas antes, ordenaran a evacuación de seis barrios da cidade de Jan Yunis.

Ata o de agora, a ofensiva xudea concentrárase no norte do enclave palestino, castigado duramente tras a fin da tregua. Nas últimas 24 horas morreron máis de 700 persoas na Franxa.

"A ocupación israelí matou máis de 700 cidadáns palestinos nas últimas 24 horas e máis de 1,5 millóns atópanse desprazados na Franxa de Gaza", anunciou a través da súa canle oficial de Telegram o grupo islamita Hamás.

O primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, reafirmou este sábado que vai continuar coa súa "guerra xustificada" malia a crecente presión internacional para acordar un alto o fogo, dada a profunda degradación da situación humanitaria na zona.

"A ocupación israelí continúa ampliando os seus ataques contra civís tras a fin da tregua, e non deixou nin un centímetro na Franxa sen bombardeos", comentou pouco antes Ashraf al Qudra, voceiro do Ministerio de Sanidade gazatí.

Dende o inicio da guerra, a Franxa suma 15.207 vítimas mortais e 40.652 feridas. O 70 % son menores e mulleres.

Despois da guerra

Nunha conferencia de prensa televisada, Netanyahu tamén asegurou que cando remate a guerra non vai permitir o control da Franxa de Gaza por parte da Autoridade Nacional Palestina (ANP), que goberna partes reducidas da Cisxordania ocupada.

Posición totalmente oposta á dos Estados unidos, segundo manifestou a súa vicepresidenta, Kamala Harris, en Dubái, onde participou no Cume do Clima.

"Queremos ver unha Gaza e Cisxordania unificadas baixo a Autoridade Nacional Palestina, e as voces e aspiracións palestinas deben estar no centro deste traballo", aseverou.

A mandataria tamén urxiu a Israel a "facer máis" para protexer a poboación palestina. Segundo dixo, "a magnitude do sufrimento civil e as imaxes e os vídeos procedentes de Gaza son devastadores".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade