O Compostela gaña o derbi do Vero Boquete contra o Coruxo (1-0)

Un gol de Fer Beltrán no minuto 83 abondoulles aos de Míchel nun encontro con poucas ocasións

O Compostela queda a un punto da promoción de ascenso, e o Coruxo a un da de descenso

G24.gal 26/11/2023 19:31

O derbi do Vero Boquete quedou na casa. Unha vitoria mínima do Compostela nun encontro moi táctico en que, practicamente, non houbo remates entre os tres paus. Abondou un de Fer Beltrán no treito final para decidilo.

A primeira metade tivo alternativas e chegadas dos dous equipos, pero non deixou ocasións claras de gol. O Coruxo evidenciou a súa mellora pisando a área de Pato, pero sen rematar entre os tres paus. Pola súa banda, o Compostela confiou nas accións a balón parado, pero tampouco deu rematado con perigo ata a última acción antes do descanso. O ex-xogador do Coruxo Antón de Vicente probou sorte desde moi lonxe, pero o seu remate marchou preto do pau mentres Alberto protexía ben situado.

Na segunda metade, o Coruxo deu outro paso adiante e dominou territorialmente durante os primeiros minutos. Pero, xa no minuto 83, ía ser Fer Beltrán, que acababa de entrar no campo, o que lograse o primeiro gol do partido. Foi logo dun saque de banda, ao aproveitar un centro de Parapar. O Compostela atopaba o premio á súa maior puntería no partido.

Coa vitoria, o equipo de Míchel Alonso segue coa súa escalada e sitúase a un so punto do play-off. O Coruxo, pola súa banda, está un punto por riba da zona perigosa da Segunda Federación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade