O Compostela de Míchel volve golear contra o Valladolid Promesas (4-1)

Manu Barreiro abriu e pechou a conta con senllas cabezadas

Tamén marcaron Juampa Barros e Parapar

G24.gal 29/10/2023 18:39

O Compostela segue ascendendo na táboa, grazas á segunda vitoria consecutiva, as dúas desde a entrada de Míchel no equipo, e outra vez anotando catro goles. Entrou mellor o equipo santiagués no partido e, nos primeiros minutos, tivo varios achegamentos. Pero custoulles afinar a puntería aos homes de Míchel. E, logo de varias interrupcións para atender xogadores, Manu Barreiro ía ser o primeiro en lograr o premio. Foi cunha certeira cabezada no segundo pau que Picón non deu bloqueado fóra da portería.

O un a cero desatascou os compostelanistas, que axiña ampliaban a diferenza. Unha boa acción pola dereita, con centro á área pequena, e Juampa Barros facía gala do seu instinto goleador cun remate inverosímil que se metía na porta valisoletana para establecer o 2-0.

Parecía que o partido estaba ben encarreirado para os locais, pero o filial do Valladolid tamén quería amosar que ten recursos arriba. Foi Pozo, logo dun envío á área, o que facía un auténtico pase á rede para recortar diferenzas. E, logo dunha grande intervención de Pato que evitou o empate, chegábase ao descanso.

Na segunda metade comezou mellor o Valladolid Promesas, pero o Compostela estivo moi ben en defensa e impediu calquera remate entre os tres paus. Algo que si que conseguiu o equipo de Míchel nunha contra que culminou Parapar cun regate ao porteiro e anotando o 3-1. E a goleada completouna Manu Barreiro cunha cabezada á saída dun córner. Segunda vitoria consecutiva para o equipo de Míchel Alonso, e outra vez anotando catro goles.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade