O carballés Fran Gómez ultima preparativos para volver ao Rally Dakar

Despois dunha paréntese na súa participación para prepararse nun plan innovador volve para pilotar unha moto eléctrica

Fran Gómez, nunha imaxe en Carballo nos días previos á presentación como piloto no próximo Dakar
G24.gal 28/11/2023 08:41

Con sete edicións en que participou con motos de combustión, a última en 2018, Fran Gómez volve ao Rally Dakar apoiado por varias firmas comerciais. Faino con innovación e apostando por unha moto que funciona totalmente con batería:

"Levamos traballando no proxecto máis de catro anos e estamos moi ilusionados, porque o vemos materializado e imos ser os primeiros na historia do Dakar de participar cunha moto cen por cento eléctrica", incide o piloto carballés.

Desde unha das cabanas resultado da súa actividade profesional, Fran sinala as características da máquina con que vai competir na proba que arrinca o 5 de xaneiro.

"Ten a suspensión, amortecedores traseiros e prestacións dunha moto de rally normal. Pesa un pouco máis, por culpa da batería. É unha moto moi potente, ao redor dos 70 cabalos", precisa Fran Gómez.

O piloto amósase moi ilusionado e explica que isto só é o comezo dun plan dentro do Dakar:

"É unha categoría que se chama Misión Mil. Nós faremos cada día bastantes menos quilómetros que unha moto de combustión, por cuestión de autonomía. Será entre 150-200 quilómetros antes de meta".

Ilusionado co proxecto novidoso, o carballés afirma que o obxectivo é chegar á meta e, se poden estar diante de todos, mellor. Saberase o 19 de xaneiro, pero antes haberá que superar as etapas de doce días. Agora son días de preparalo todo para embarcar o material en Barcelona cara a Arabia Saudita, o punto de arrincada do rally.

Ao final compites con xente de moi alto nivel e convivimos todos no mesmo vivak... moi bonito. A verdade que si", conclúe Fran Gómez.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos