O acordo BNG-PSOE propón unha compensación "análoga" á débeda de Galicia

Os nacionalistas non confirman a cantidade a condonar, aínda que lembraron que as negociacións que se están abordando son de arredor do 20 % da débeda de Galicia

A falta de resolver algúns detalles, o pacto para investidura prevé aumentar a bonificación das peaxes da AP-9, que se estenderán a AP-53, e crear un servizo de tren de proximidade antes do final de lexislatura

Besteiro asegura que as "medidas compensatorias" van beneficiar a todas as comunidades autónomas

Ana Pontón, Néstor Rego e Carme da Silva anunciaron o acordo de investidura (EFE/ Xoán Rey)
G24.gal 03/11/2023 12:58 Última actualización 03/11/2023 19:34

Medidas análogas á condonación da débeda pública que se acordou con ERC, rebaixas nas autoestradas AP-9 e AP-53 e a implantación de trens de proximidade entre A Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra son as claves do acordo co que o PSOE conseguiu o apoio do BNG para a investidura de Pedro Sánchez

Así o explicaron este venres a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o deputado do partido no Congreso, Néstor Rego, tras unha reunión da Executiva dos nacionalistas en que validaron un “acordo que demostra que co BNG, Galicia gaña”, malia que aínda seguen quedando “detalles por pechar”.

En todo caso, aseguraron que “van ser esixentes” no control do cumprimento do Goberno e lembraron que este acordo “só os vincula coa investidura” e non co resto de negociacións que se produzan ao longo da lexislatura.

Deste xeito, “en todos e cada un dos debates haberá liberdade para defender os intereses dos galegos” porque, segundo Pontón, esta é “unha lexislatura na que todo vai estar moi aberto” e na que “o noso voto vai ser decisivo en moitos momentos”.

O pacto en materia de “igualdade de trato” financeiro refírese á débeda histórica que adquiriu Galicia non a través do Fondo de Liquidez Autonómica (FLA) senón por medio doutros mecanismos "análogos", xa que o goberno galego acolleuse entón ao financiamento privado.

“En caso de condonacións totais ou parciais da débeda adquirida por CC. AA. adheridas ao Fondo de Liquidez Autonómica, establecemento de medidas compensatorias análogas para Galicia, no marco das compensacións a aquelas CCAA que non fixeron uso do FLA", sinala o texto do acordo.

Os representantes do Bloque non confirmaron a cantidade que se vai condonar, aínda que lembraron que as negociacións que se están abordando son de arredor do 20 % nun escenario en que a débeda pública que ten Galicia ascende a 12.333 millóns de euros desde 2021.

A líder do Bloque insistiu en que deste xeito, Galicia contará “co mesmo trato ca calquera outra comunidade autónoma con respecto á condonación débeda”, polo que reprocha a actitude que está a tomar o presidente da Xunta e líder do PP galego, Alfonso Rueda, a este respecto.

“Sorprende que teñamos o presidente enfadado en lugar de axudar a materializar un acordo beneficioso para Galicia”, expuxo a líder do BNG, que considera que a súa formación “está a facer o traballo que non fai Rueda”.

En materia de infraestruturas, novamente a rebaixa das peaxes foi clave na negociación de forma que o BNG conseguiu que os orzamentos de 2024 contemplen descontos na AP-9 -autoestrada que discorre de norte a sur entre Ferrol e Tui- e na AP-53 -entre Santiago e Dozón-, aínda que o horizonte segue sendo “a gratuidade”.

Así, na AP-9 os usuarios recorrentes -con máis de 20 viaxes ao mes- incrementarán os actuais descontos -cos que a volta é gratis nun prazo de 24 horas- nun 20 % adicional que se aplicará na ida e, ademais, tamén haberá descontos especiais para os transportistas.

Como novidade, todas as rebaixas que se implementen na AP-9, agora acometeranse tamén na AP-53, que é a vía que une Santiago con Ourense, aínda que o tramo de pago termina ao pasar Lalín.

Neste acordo tamén se inclúe cun compromiso que Galicia conte con ese servizo de proximidade “antes de que acabe lexislatura” e que se iniciará cos traxectos Vigo-Pontevedra e A Coruña-Ferrol, aínda que a intención é estender este servizo por máis zonas do territorio.

A negociación tamén inclúe outras cuestións como máis xulgados de violencia de xénero ou melloras nas pensións.

A líder do BNG dixo que este acordo é para ela “un motivo de orgullo” debido a que acredita “a importancia de ter unha forza política coas mans libres” e que teña “voz propia e con independencia de Madrid”. 

Besteiro di que as medidas compensatorias en materia de financiamento tamén van beneficiar a Galicia

O candidato do PSOE á Presidencia da Xunta e deputado no Congreso, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou o preacordo do PSOE e o BNG para a investidura de Pedro Sánchez, como un pacto "querido e compartido" para levar a cabo o desexo socialista de "sumar desde España para Galicia".

Nunha rolda de prensa trala xuntanza da executiva socialista galega, Besteiro saiu ao paso das críticas pola condonación da débeda a Cataluña. Dixo que as "medidas compensatorias" van beneficiar a todas as comunidades autónomas, incluida Galicia. 

Dixo que as críticas do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, á condonación da débeda catalana se deben a un intento de "terxiversar"o que está pasando. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade