Clamor contra a violencia machista, que afecta a unha de cada tres mulleres

Segundo as Nacións Unidas, é a violación dos dereitos humanos máis estendida a nivel global

A nova ministra de Igualdade aposta por recuperar a unidade das distintas sensibilidades feministas

Manifestación convocada pola Comisión 8-M en Madrid. EFE/Víctor Lerena
G24.gal 25/11/2023 12:16 Última actualización 25/11/2023 23:03

Milleiros de persoas saíron á rúa este 25 de novembro para reclamar a eliminación da violencia machista que este ano levou, de momento, 52 vidas en España. Segundo as Nacións Unidas, e a violación dos dereitos humanos máis estendida a nivel global e afecta a unha de cada tres mulleres no mundo. 

Diversas organizacións de mulleres e varios colectivos feministas convocaron máis de 40 manifestacións en varias cidades e Madrid acolleu as dúas máis numerosas.

A nova ministra de Igualdade, Ana Redondo, estivo, xunto a outros membros do Goberno, na manifestación que se celebrou pola mañá, convocada polo Foro 25-N e o consello das Mulleres de Madrid.

Na marcha participaron unhas 2.000 persoas, segundo a Delegación do Goberno, mentres que os organizadores falan de 25.000. Redondo apostou por recuperar a unidade entre as distintas sensibilidades feministas, agora distanciadas.

"Reivindico a unidade, reivindico esta melodía de fondo feminista profundamente forte e alto, que se escoite e dá un pouco igual onde nos manifestemos, hoxe estamos aquí, somos o partido socialista, e o meu respecto por todas as manifestacións que se van facer ao longo e ancho da nosa España feminista".

A ministra de Igualdade na mobilización do Foro 25-N. EFE/Juan Carlos Hidalgo A ministra de Igualdade na mobilización do Foro 25-N. EFE/Juan Carlos Hidalgo

A segunda gran manifestación deste 25 de novembro comezou ás seis da tarde en Madrid. Convocouna a comisión do 8-M e a ela asistiu a ex ministra Irene Montero xunto a unha ampla representación de Sumar. Centos de miles de persoas esixiron o seu dereito a vivir sen medo e sen violencia.

Segundo os datos oficiais, este ano 52 homes mataron outras tantas mulleres. Desde 2003, cando comezou o rexistro, son máis de 1.200 as asasinadas. Estes crimes machistas deixaron orfos 400 menores.

Clamor nas rúas galegas contra a violencia machista

Mobilizacións en Galicia

En Galicia, tamén se convocaron manifestacións nas principais localidades. As rúas das sete cidades convertéronse nun clamor contra todas as formas de violencia machista.

Baixo lemas como "Organicémonos contra as violencias machistas", "Feminismo para avanzar" ou "o machismo é terrorismo" apelaron á necesidade de maior implicación social e institucional para defender o dereito das mulleres a vivir en liberdade e sen medo.

No que levamos de ano, unha de cada cinco vítimas mortais non presentaran denuncia contra os seus agresores. En Galicia, 4.800 mulleres viven baixo protección policial pola ameaza das súas parellas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade