Ferido moi grave un veciño de Burela nun acoitelamento

A vítima recibiu varias puñaladas que lle afectaron a órganos vitais

O outro implicado na liorta entregouse no cuartel da Garda Civil 

O xuíz decretou o seu ingreso na cadea como presunto autor dun intento de homicidio 

G24.gal 26/11/2023 14:47 Última actualización 26/11/2023 16:59

Foi no exterior dun establecemento onde tivo lugar o enfrontamento entre os dous homes. Por razóns que se descoñecen discutiron e un deles agrediu o outro cun coitelo. A vítima é un veciño da localidade, de nacionalidade peruana e duns 48 anos. As feridas no abdome e nas costas afectáronlle a órganos vitais, e o seu estado era crítico cando foi atendido polos servizos médicos da ambulancia. Foi trasladado ao hospital da Costa, onde o interviñeron e quedou ingresado. A pelexa tivo lugar na avenida principal de Burela, unha vila tranquila na que conviven distintas nacionalidades sen problema, de aí que o suceso chamara a atención dos veciños.

O agresor é un home máis novo ca a vítima e de nacionalidade colombiana. Acabou por entregarse no cuartel da Garda Civil. Xa pasou a disposición xudicial, imputado como presunto autor dun intento de homicidio con arma branca. O xuíz ordenou o seu ingreso na cadea debido á gravidade dos feitos. Está no cárcere de Bonxe.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade