Aprehendidas tres toneladas e media de cocaína en dúas operacións nas Canarias

A Policía incautouse dunha tonelada desta droga nun chalé de Tenerife

Abordaron en mar aberto unha embarcación con dúas toneladas e media

G24.gal 09/12/2023 20:35 Última actualización 09/12/2023 20:54

Unha embarcación de doce metros e medio de eslora e bandeira polaca transportaba dúas toneladas e media de cocaína repartidas en 86 fardos. 

O patrulleiro Petrel, do Servizo de Vixilancia aduaneira, abordouna en mar aberto, ao oeste das illas Canarias, nunha operación conxunta coa Policía Nacional e a Garda Civil.

Estaba na chamada ruta atlántica da cocaína, utilizada por veleiros, pesqueiros ou mercantes que transportan a droga desde América do Sur e o Caribe ata Europa. 

Os paquetes coa droga estaban á vista no interior da lancha, o que leva a pensar que se ían transbordar a outras embarcacións. 

A cocaína confiscada, a embarcación e os seus tripulantes, dous individuos franceses, desembarcaron no porto de Santa Cruz de Tenerife para pasaren a disposición xudicial.

Chále de luxo en Tenerife

Precisamente en Tenerife, a Policía informou do maior aprehendemento nas illas a unha organización criminal española, que se dá por desmantelada.

"Nesta operación, a Policía Nacional incautouse dunha tonelada de cocaína da máis alta pureza, nun chalé de luxo de Tenerife. Isto supón un alixo histórico nas Canarias".

En total hai nove detidos, que xa entraron en prisión: sete españois, un italiano que tiña enlaces coa mafia e un narcotraficante colombiano que estaba en Tenerife para garantir a distribución da droga e cobrar o diñeiro acordado pola súa venda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade