Dous intoxicados por fume no incendio da cociña dun piso de Vigo

Orixinouse a medionoite, por unha tixola esquecida no lume

Varios veciños do edificio, situadao na rúa de Salamanca, tiveron que saír pola fumareda

 

G24.gal 30/11/2023 14:16

Unha tixola que quedou esquecida no lume orixinou o incendio da cociña no cuarto piso deste edificio da rúa de Salamanca. Eran preto das once e media da noite, e no interior do inmoble atopábanse as catro estudantes que o alugan e o mozo dunha delas.

"Unha delas contoume que xa estaba case durmida e que lle empezou a cheirar a fume. Non sabía se era de tabaco ou outra cousa, ante a dúbida abriu a porta da cociña e atopou todo a cociña en chamas", explica un veciño.

Asustados, descalzos e sen lembrar as chaves, saíron do piso para pedir axuda e buscar o extintor das escaleiras do edificio. Ao regresar, a porta pechárase accidentalmente, así que tiveron que abrila a golpes para acceder á cociña e comezar a extinguir as lapas antes de que chegaran os bombeiros.

Mentres, unha intensa fumareda estendérase polos pisos superiores do edificio. Motivo polo que varios veciños tiveron que saír á rúa na medianoite mentres os bombeiros controlaban o lume, arrefriaban e ventilaban a zona.

"Eu sentín ruído, abrín a porta da casa e vin aos bombeiros, había moito fume"; "Foi un susto grande, estaba na cama durmindo e me dixeron que tiña que saír á rúa por un incendio"; "Segundo os bombeiros, foi cuestión de minutos, que unha das mozas estaba medio durmida. e puido ser moito peor. Menos mal que se decataron, foi unha fumareda tremenda", comentan os veciños.

Dous dos mozos do piso tiveron que ser evacuados ao hospital ao resultar intoxicados pola inhalación de fume. 

"O rapaz que entrou co extintor tiña náuseas e vómitos e tiveron que levalo ao Álvaro Cunqueiro", conta o veciño.

Axentes da Policía Local e Nacional tamén se desprazaron ata o edificio, no que os veciños se recuperan hoxe do tremendo susto da pasada noite.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar