O Breogán non dá mudado a dinámica de derrotas en Bonn (86-71)

As perdas de balón (27 en todo o partido) condicionaron o xogo de ataque dos lucenses

O equipo alemán crebou o partido xusto antes do descanso, cando conseguiu ir por riba dos vinte puntos

G24.gal 08/11/2023 21:28 Última actualización 08/11/2023 21:53

O Breogán perdeu na pista do Telekom Bonn, vixente campión da Basketball Champions League, no segundo partido da competición europea. 

Custou moito anotar nos primeiros minutos. O Breogán tardou seis minutos en conseguir a primeira canastra en xogo, pero tampouco ían moito mellor as cousas para os locais (8-6). Porén, Bonn acabou atopando o camiño do aro mentres o equipo galego acumulaba perdas (nove no primeiro cuarto). 

O partido mantívose na barreira dos dez puntos (30-21), ata que quedaban 3:30 para o final do segundo cuarto. Pero o treito final antes do descanso resultou nefasto, cun parcial de 17-4 (47-25) que disparou a desvantaxe galega. 

Os locais chegaron a ter 25 puntos de vantaxe (58-33). O Breogán tirou de orgullo e meteu un 0-10 que baixou a diferenza ata o 63-47 co que rematou o terceiro cuarto. 

O Breogán buscou baixar da barreira dos dez puntos durante moitos minutos, chegou a poñerse a doce (71-59), pero en ningún momento conseguiu meterse con posibilidades de pelexar o partido. O Bonn volveu marchar de vinte (79-59) e acabou por sentenciar o encontro. Malia iso, o Breogán non deixou de loitar, acabou o partido conseguindo un 0-12, pero perdeu con claridade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos