Deteñen tres persoas en Málaga e Granada en relación co atentado contra Vidal-Quadras

Os dous detidos na provincia de Granada son un matrimonio, el de nacionalidade española e ela británica, mentres que o arrestado en Fuengirola é un home español

Segundo as primeiras investigacións, ningún é o autor material do ataque

Comisaría da Policía Nacional en Fuengirola (EFE/Jorge Zapata) Comisaría da Policía Nacional en Fuengirola (EFE/Jorge Zapata)
G24.gal 21/11/2023 08:19 Última actualización 21/11/2023 09:53

A Policía Nacional detivo unha parella na provincia de Granada e un home en Fuengirola (Málaga) relacionados co disparo que recibiu o cofundador de Vox e exdirixente do PP, Aleix Vidal-Quadras o pasado 9 de novembro.

Os dous detidos na provincia de Granada son un matrimonio (el de nacionalidade española e ela británica), mentres que o arrestado en Fuengirola é un home español. Segundo as primeiras investigacións, ningún é o autor material do ataque.

De feito, os investigadores vinculan co tiroteo só os dous homes detidos, aínda que polo momento non transcenderon as circunstancias da súa implicación nos feitos. Con todo, fontes próximas á investigación apuntan a que o arrestado en Málaga podería gardar relación coa moto utilizada no atentado.

Foron axentes da Comisaría Xeral de Información da Policía Nacional quen practicou estes tres arrestos, despois de seguir a pista desde hai días aos dous sospeitosos.

Un coche mal aparcado conduciu aos detidos en Granada

A parella detida na provincia de Granada alugara un piso na localidade de Lanjarón, onde deixaran un coche mal estacionado que deu a pista do seu paradoiro.

A parella non é deste municipio da Alpujarra de Granada de algo máis de 3.000 habitantes, pero recentemente alugaran alí un piso onde esta madrugada foron arrestados.

A pista que conduciu á Policía Nacional ata eles foi a presenza dun vehículo, nunha rúa paralela,  que non debía estar alí aparcado porque esa zona está a ser acondicionada para acoller estes días unha feira.

As xestións do Concello para dar co paradoiro dos seus propietarios conduciu ata unha axencia de alugueiro de vehículos de Málaga onde o coche fora arrendado.

A axencia abriu parte, explicou o alcalde, e iso fixo que saltasen as alarmas e que a Policía Nacional montase esta madrugada un amplo dispositivo que deu como resultado a localización e detención da parella.

Vidal-Quadras, de 78 anos, recibiu un tiro na cara sobre as 13:30 horas moi preto do seu domicilio, na rúa Núñez de Balboa de Madrid.

O xuíz da Audiencia Nacional Francisco de Jorge asumiu a investigación polo tiroteo ao consideralo como un delito de terrorismo ante a posibilidade de que a responsabilidade fóra dunha organización vinculada ao réxime iraniano.

O propio Vidal-Quadras comunicou á policía que detrás do tiroteo podería estar o réxime de Teherán debido ás súas relacións coa oposición deste país. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade