A Fiscalía recorre a petición do xuíz de que o Supremo investigue a Puigdemont

O fiscal Miguel Ángel Carballo censura a García Castellón ante o que cualifica como "sorte de reforma de oficio" do seu anterior auto, "sen novos feitos acreditados"

G24.gal 22/11/2023 14:35

A Fiscalía da Audiencia Nacional recorreu a petición que o xuíz Manuel García Castellón formulou onte para que o Tribunal Supremo investigue o expresidente catalán Carles Puigdemont, a secretaria xeral de ERC, Marta Rovira, e unha decena de persoas por delitos de terrorismo no caso de Tsunami Democràtic.

O ministerio público, que xa recorreu o auto no que o xuíz dirixía a investigación por terrorismo contra Puigdemont e o resto, discrepou unha vez máis do maxistrado e recorreu o seu acordo de elevar exposición razoada ao Supremo por ser o tribunal competente para investigar o expresidente, que como eurodeputado goza de aforamento, do mesmo xeito que ocorre co deputado catalán Rubén Wagensber.

A Fiscalía pon de relevo no seu recurso a "flagrante contradición" do xuíz, que no auto onde dirixía a investigación contra Puigdemont manifestou que non era "procedente neste momento" elevar unha exposición razoada para investigar a Wagensberg ata concretar "con maior precisión a súa participación nos feitos".

No devandito auto, do 6 de novembro, o xuíz aludía á "fase inicial" da investigación, que aínda non se esgotou".

Segundo apunta o fiscal Miguel Ángel Carballo, a exposición razoada que elevou onte o xuíz ao Supremo "vén ser unha sorte de reforma de oficio" do seu anterior auto, "sen novos feitos acreditados e sen que se practicou ningunha dilixencia que recollese novos indicios de responsabilidade criminal respecto dos aforados".

Precisamente hoxe, García-Castellón pediulle a Suíza que localice a Marta Rovira, investigada na causa de Tsunami Democràtic, e fuxida naquel país dende 2018. Rovira, secretaria xeral de ERC, está investigada como organizadora do movemento que liderou os incidentes tras a sentenza do procés.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade