Publicador de contidos

Publicador de contidos

Zelenski: "Necesitamos agora unha Alianza sumamente valente"

Zelenski: "Necesitamos agora unha Alianza sumamente valente"

O primeiro ministro de Ucraína dirixiuse a través de videoconferencia aos líderes da OTAN reunidos en Madrid

Os asistentes ao cumio da OTAN escoitan a interención de Zelenski (EFE/Juan Carlos Hidalgo) Os asistentes ao cumio da OTAN escoitan a interención de Zelenski (EFE/Juan Carlos Hidalgo)
EFE 29/06/2022 13:49 Última actualización 29/06/2022 14:44

O presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, pediu aos líderes da OTAN reunidos en Madrid que axuden ao seu país para poñer fin á guerra e dean "unha resposta forte ás accións de Rusia".

Zelenski interveu por videoconferencia no cumio da OTAN que se celebra en Madrid ata mañá e onde pediu aos aliados apoio para vencer a Rusia tras a invasión sufrida por este país o pasado 24 de febreiro.

Pediu "axudar a Ucraína a poñer fin a esta guerra no campo de batalla agora, é dicir, dar unha resposta realmente forte ás accións de Rusia. É o que necesitamos nós e a Alianza no seu conxunto, (é o que necesita) toda a comunidade euroatlántica".

"Cun Kremlin extremadamente agresivo o mundo necesita unha Alianza sumamente valente", sinalou noutro momento do seu discurso.

O mandatario sostivo que Rusia "non quere deterse nin no Donbás nin no sur de Ucraína, quere engulir cidade por cidade, a todos en Europa a quen o liderado ruso considera a súa propiedade e non estados independentes". "Este é o verdadeiro obxectivo de Rusia", salientou.

Zelenski lembrou que Rusia ameazou con tomar medidas se Ucraína entraba na OTAN, pero Ucraína non está na OTAN, pero a pesar diso "a guerra a grande escala contra o noso país dura xa 126 días despois de oito anos de conflito armado no Donbás".

Nun velado reproche, o líder ucraíno preguntou aos líderes dos países membros da OTAN "por que durante décadas todos consideraban que a Alianza Atlántica podería provocar a Rusia?".

"Os obxectivos de Rusia son coñecidos. Saltan á vista. O liderado ruso ve o mundo doutra maneira. Non da maneira que é. Ve por exemplo a Lituania non como un membro da vosa alianza, senón como unha república da URSS", dixo.

"Para nós é unha antiga república soviética. Para nós é o pasado. E eles veno como un posible futuro, queren escravizala novamente", recalcou.

É así como Moscova ve o mundo, dixo. "E así con cada país que é veciño de Rusia. Con cada estado que algunha vez estivo na esfera de influencia de Moscova".

Zelenski saudou a decisión de Finlandia e Suecia de sumarse á OTAN, e afirmou que "isto é moi bo que ocorrese agora, antes de que Rusia comezase a actuar tamén contra eles".

"Pero fará Rusia agora algo contra eles despois desta decisión? Non, vostedes verano", dixo.

O mandatario ucraíno instou os seus homólogos dos países da OTAN para incrementar as subministracións de artillería moderna, así como sistemas de defensa antimísiles.

"No campo de batalla Rusia aposta en primeiro lugar pola artillería, na superioridade en artillería. Ucraína xa recibiu sistemas modernos de artillería e estoulles moi agradecido", sinalou.

"Pero a guerra continúa, precisamente unha guerra na que a artillería ten unha enorme importancia. A guerra non debe alongarse. Para crebar a vantaxe da artillería rusa, necesitamos moitos máis sistemas modernos, artillería moderna", reiterou.

Zelenski dirixiuse directamente aos líderes, ao afirmar que "vostedes os teñen".

"Se nolo dan, vostedes poden desbaratar totalmente a táctica rusa de destrución de cidades e de terror contra a poboación civil", recalcou.

Así mesmo, pediu axuda económica para Ucraína, ao sinalar que o "apoio financeiro ten non menos importancia que a axuda en armamento".

"Rusia aínda recibe diariamente miles de millóns e gástaos na guerra. Temos un déficit de miles de millóns e non temos petróleo nin gas para cubrilo. Cada mes necesitamos uns 5.000 millóns de dólares e isto tamén é un asunto de principios. Necesitámolo para a defensa, para a protección", subliñou.

Zelenski tamén instou os líderes dos membros da OTAN reunidos en Madrid a buscar un lugar a Ucraína no espazo común de seguridade, xa que a outra alternativa podería ser un conflito entre Rusia e a Alianza.

"Podo dicir o que necesitamos: necesitamos garantías de seguridade e vostedes deben achar a Ucraína un lugar no espazo común de seguridade. Ou hai axuda suficientemente urxente para a vitoria de Ucraína, ou unha guerra postergada de Rusia con vostedes", advertiu.

Na súa opinión, a política de portas abertas da OTAN "non debe lembrar os vellos torniquetes de Kíiv".

"Están abertos e cando un se achega péchanse se non pagas. Ucraína non pagou suficiente? Seica a nosa achega á defensa de Europa e de toda a civilización aínda é insuficiente?", preguntou Zelenski aos seus homólogos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade