Publicador de contidos

Publicador de contidos

Zelenski critica o baixo nivel da delegación rusa e reta a Putin: "Estou aquí"

Zelenski critica o baixo nivel da delegación rusa e reta a Putin: "Estou aquí"

O presidente ucraíno fala dos negociadores enviados por Moscova: "Parece unha farsa"

Putin non ten plans de viaxar a Istambul pero depende das negociacións

Trump afirma que "podería ir" o venres a Istambul para facilitar as negociacións

(Oficina de Prensa da Presidencia de Turquía/Mustafá Kamaci vía Reuters)
G24.gal 15/05/2025 12:14 Última actualización 15/05/2025 13:53

"Que mensaxe lle mandaría a Vladimir Putin?", preguntáronlle a Volodimir Zelenski tras aterrar en Ankara: "Eu estou aquí, creo que é unha mensaxe moi clara", contestou o presidente ucraíno.

Zelenski chegaba ao mediodía á capital turca para reunirse co presidente Recep Tayyip Erdogan, na previa do inicio das conversas entre as delegacións rusa e ucraína, ás que en principio non tiña previsto acudir Putin.

De feito, no mesmo aeroporto de Ankara, Zelenski deixaba no aire o inicio desas negociacións de paz ata que se reunise con Erdogan: "Pensaremos que facer, e cales serán os nosos próximos pasos".

O presidente ucraíno declaraba á súa chegada a Ankara que o nivel da delegación enviada polo Kremlin "parece unha farsa" e cualificouna como "decorativa", en referencia ao feito de que o equipo negociador non inclúa ningún ministro ou dirixente de primeiro nivel.

Segundo Moscova, a delegación rusa intégrana, entre outros, un viceministro de Exteriores, un viceministro de Defensa e un alto cargo do Estado Maior do Exército ruso.

Erdogan recibirá a Zelenski ás 13:00 horas no Palacio Presidencial de Ankara e logo terán unha reunión privada e posteriormente un xantar de traballo coas súas respectivas delegacións.

Non hai prevista conferencia de prensa nin declaracións conxuntas aos medios, pero a Embaixada de Ucraína en Turquía si adiantou a posibilidade de que Zelenski se dirixa aos xornalistas tras o encontro.

Putin non ten plans de viaxar a Istambul pero depende das negociacións

O presidente ruso, Vladimir Putin, non ten plans de viaxar a Istambul, pero a súa posible viaxe a Turquía dependerá do resultado deses contactos, informou hoxe o Kremlin.

"Hai que esperar ao resultado das negociacións", dixo o portavoz da Presidencia rusa, Dmitri Peskov, na súa conferencia de prensa telefónica diaria.

Agregou que "todos están dispostos a facer o esforzo máximo para que estas sexan produtivas".

En canto á posible reunión entre Putin e o líder estadounidense, Donald Trump, nos próximos días en Istambul, Peskov asegurou que "aínda non se están levando a cabo preparativos (da mesma) para os próximos días".

Á vez, admitiu que descoñece se finalmente Ucraína enviará unha delegación ás negociacións deste xoves, pero non pon prazos para que acuda á cita en Istambul.

"Non sabemos se os negociadores ucraínos aparecerán. A parte rusa está preparada e espera en Istambul", insistiu Peskov. Á pregunta sobre canto tempo os delegados rusos esperarán aos seus colegas ucraínos, o Kremlin pediu "non precipitarse".

Trump afirma que "podería ir" o venres a Istambul para facilitar as negociacións

O presidente estadounidense, Donald Trump, asegurou este xoves que a pesar das dificultades de axenda na súa xira en Oriente Medio podería ir a Istambul o venres para facilitar as conversacións de paz entre Ucraína e Rusia.

"Se algo sucede, iría o venres se é o apropiado", afirmou en Doha o mandatario, quen dixo que lle gustaría verse alí co presidente ruso, Vladimir Putin, a pesar de que este non confirmou a súa asistencia, mentres que o líder ucraíno, Volodimir Zelenski, si acudirá.

Donald Trump este xoves en Qatar (Reuters/Brian Snyder) Donald Trump este xoves en Qatar (Reuters/Brian Snyder)

"Temos a xente negociando e espero que Rusia e Ucraína poidan facer algo", insistiu Trump nun evento de promoción de negocios bilaterais con Catar en Doha.

Durante a viaxe a Oriente Medio, que comezou este martes en Arabia Saudita, Trump estivo enviando mensaxes de que estaría disposto a aproveitar esta xira, que oficialmente termina mañá nos Emiratos Árabes Unidos, para reunirse con Putin nun terceiro país.

Lavrov chama "patético" a Zelenski por querer atoparse persoalmente con Putin

O ministro de Exteriores ruso, Serguéi Lavrov, cualificou hoxe ao presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, de "patético" por esixir reunirse persoalmente en Istambul co seu homólogo ruso, Vladimir Putin, para abordar a paz en Ucraína.

"Primeiro declara que esixe reunirse persoalmente con Putin. É unha persoa patética. Todos entenden a situación excepto el e os titiriteros que o controlan", dixo Lavrov durante a súa intervención ante o Club Diplomático.

Pouco despois, o xefe da diplomacia rusa, quen se rumoreaba que encabezaría a delegación en Istambul, volveu a denigrar ao presidente ucraíno suxerindo a falta de independencia e a subordinación do seu goberno a intereses estranxeiros.

"E agora, os británicos van como cans guía de Zelenski levándoo pola xungla da política internacional. Xa lle asignaron un asesor do primeiro ministro británico en materia de seguridade nacional, non vaia ser que diga algo que non debe e enterre definitivamente a súa reputación e a daqueles que o adestran", engadiu.

Paralelamente, a portavoz do Ministerio de Exteriores ruso, María Zajárova, volveu insultar ao líder do país veciño por criticar a delegación rusa que acudirá finalmente ás negociacións en Turquía e chamala "unha farsa".

"Quen utiliza a palabra 'farsa'? Un pallaso, un desgraciado, unha persoa de dubidosos estudos en relación con aquelas persoas que, ademais dunha educación mínima, teñen titulacións científicas, medallas ante a patria e que co seu traballo demostraron ser profesionais", dixo Zajárova ao iniciar a súa conferencia de prensa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade