Yolanda Díaz di que a suba das pensións conforme ao IPC está garantida
A vicepresidenta segunda responde á suxestión do Banco de España, que pedía non revalorizar as pensións este ano
A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo di que a suba das pensións conforme ao IPC real está garantida. Yolanda Díaz responde así á suxestión do Banco de España de non subir as pensións este ano conforme á inflación.
"Nas situacións de crise, como a que estamos a vivir agora, os que máis teñen son os que máis se teñen que sacrificar. Os que menos teñen non poden sacrificarse máis, e doulles a garantía aos pensionistas do noso país de que as súas pensións, como quixo o lexislador, se van revalorizar de conformidade co IPC real", recalcou a titular de Traballo.
Preguntada sobre se a Unión Europea podería expor algún tipo de reforma ligada ás pensións, Díaz advertiu que dos 9,7 millóns de pensións, 5 millóns teñen pensións de entre 600 e 800 euros.
"Paréceme que non teñen marxe para ver minguadas as súas rendas", recalcou.
Fronte a isto, a ministra remarcou que a preocupación debe estar nas marxes que hai nos beneficios empresariais. Neste sentido, apuntou que as empresas que cotizan en Bolsa tiveron uns beneficios históricos de 64.000 millóns de euros e as tres grandes eléctricas viron incrementar os seus beneficios antes de impostos nun 46 %.