Yeremay botou man do psicólogo para aturar a situación no mercado de fichaxes
O canario recoñeceu que pediu axuda a Joaquín Sorribas porque "estaba superado" coa cantidade de ofertas que tivo sobre a mesa
Volveu marcar Yeremay no partido contra o Almería. O canario vai con nove goles no que levamos de campionato, o sexto mellor goleador da Segunda División e, xunto con Ontiveros, o centrocampista que acredita mellores números. E tamén volveu falar despois dun mes de xaneiro moi convulso en que se comentou o interese de moitos equipos pola súa contratación e a mellora do seu contrato por parte do club coruñés.
Yeremay Hernández confesou que precisou axuda do psicólogo Joaquín Sorribas para saber levar a situación. "Durante varios días sentía que non era eu. Teño 22 anos e son moi novo. Hai veces que a situación nos supera e esta foi unha delas", confesou o xogador do Deportivo. Era a primeira vez que Yeremay recoñecía os problemas e a ansiedade que lle xerou estar no centro das miradas neste mercado en que tivo ofertas de grandes equipos de toda Europa.