Xunta e sector asinan o Pacto Dixital para unha Galicia "máis competitiva e moderna"
A comunidade é a quinta con máis empresas tecnolóxicas de España, que representan o 2,5 % do PIB galego e empregan máis de 24.000 persoas, a maioría en postos de alta cualificación
Alfonso Rueda lembrou que Galicia foi a comunidade en universalizar o uso da receita electrónica, e avances na dixitalización da educación, co sistema Abalar, ou na xestión das granxas ou das lonxas
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou este martes na Cidade da Cultura na sinatura do Pacto Dixital de Galicia, en que a Administración e 21 empresas do sector se comprometen a colaborar para impulsar a transformación tecnolóxica da comunidade. O xefe do Goberno galego avanzou que prevén aprobar nas próximas semanas o plan director da industria TIC.
O protocolo é unha continuidade do asinado no 2013 por 12 empresas e busca avanzar cara unha Galicia "máis moderna, competitiva e sobrana tecnolóxicamente". A comunidade é a quinta con máis empresas tecnolóxicas de España, que representan o 2,5 % do PIB galego e empregan máis de 24.000 persoas, a maioría en postos de alta cualificación.
No acto tamén interviu Lourdes Guerra, presidenta da Asociación de Empresas Tecnolóxicas, que defendeu que Galicia ten capacidade para liderar a clasificación do sector en España. Pola súa banda, Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC de Galicia, asegurou que "agora é crible grazas a intelixencia artificial que Galicia poida ter a mellor administración dixital de Europa".
Alfonso Rueda lembrou que Galicia foi a comunidade en universalizar o uso da receita electrónica, e avances na dixitalización da educación, co sistema Abalar, ou na xestión das granxas ou das lonxas. O presidente da Xunta agradeceu a colaboración do sector para conseguir unha Galicia máis conectada, nun momento en que empresas doutros continentes apostan pola comunidade pola súa posición xeográfica estratéxica.