Xornada de despedidas no último partido da temporada en Balaídos
Todo apunta a que Denis non volverá vestir a celeste como local
Nolito, Murillo e os cedidos Dituro e Galhardo tamén teñen poucas posibilidades de continuar
Adivíñase un partido de despedidas este sábado en Balaídos. Sorprendería que non fose o último de Denis Suárez en Vigo. Contra o Alavés, boa parte da bancada púxose do seu lado no conflito co presidente Mouriño. O de Salceda devolveu o xesto cun chío en Twitter que soa moito a despedida.
Hai outras situacións que tampouco están claras. Nolito termina contrato e non recibiu proposta de renovación. A lesión seguramente lle impida estar contra o Elxe. O Celta tampouco manifestou a intención de seguir contando cos cedidos. Murillo, expulsado en Barcelona, será outro ausente o sábado.
E Tanto Thiago Galhardo como Dituro regresarían a América. Os dous chegaron a proposta de Coudet. O adestrador si que ten contrato por diante e manifestou repetidas veces que vai cumprilo, aínda que esperte o interese por exemplo da selección de Chile.
As voces ultimamente desde os palcos no son tan rotundas. A dirección deportiva está diluída e non se pode descartar algún traspaso lucrativo. Moito que coordinar, como di Coudet, na pretemporada do centenario.