Williot Swedberg amplía o contrato co Celta ata o 2029
O club anunciará nos vindeiros días a renovación de Carlos Domínguez ata ese mesmo ano
Williot Swedberg seguirá como xogador do Celta ata o ano 2029. Iso asinaron o xogador e o club nunha renovación que estaban desexando as dúas partes. O dianteiro sueco chegou á entidade celeste en 2022, tivo problemas para entrar no equipo nesa primeira campaña pero o seu rendemento foi subindo e nas dúas últimas achegou fútbol e goles en momentos decisivos.
Swedberg soou nas últimas semanas para o Stuttgart alemán. É un xogador con bo cartel no fútbol europeo e o Celta non quería que fose tentado antes de entrar no último ano de contrato.
Á renovación de Williot seguiralle a do central vigués Carlos Domínguez. Produto da canteira celeste Carlos priorizou estar no equipo da súa vida e asinará tamén ata o 2029 demostrando a aposta da entidade presidida por Marián Mouriño polos xogadores da canteira.