Publicador de contidos

Valentín González Formoso gaña as primarias e será o novo líder do PSdeG-PSOE

Valentín González Formoso gaña as primarias e será o novo líder do PSdeG-PSOE

Logrou o 58,7 % dos votos

Liderará o PSdeG os próximos catro anos tras imporse a Gonzalo Caballero

O actual secretario xeral avanza que non deixará o seu escano e desexa "todos os éxitos" a Formoso á fronte do PSdeG

G24.gal 30/10/2021 21:33

O actual presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes foi o candidato máis votado en cinco das sete cidades (A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo e Ourense), mentres que Gonzalo Caballero logrou o apoio maioritario en Pontevedra e Vigo.

González Formoso impúxose a Caballero nas primarias cun 58,7 % dos votos dos militantes que participaron na xornada electoral. Logrou un total de 4.336 votos, fronte aos 2.970 apoios que tivo o seu rival.

En concreto, Formoso venceu nas provincias da Coruña, onde se fixo con 2.059 votos fronte a 903 e en Lugo obtendo 1.090 apoios. Na de Pontevedra Caballero gañou con 1.090 fronte a 642 de Formoso. Pola súa parte, na provincia de Ourense, o actual secretario xeral logrou 583 votos, fronte aos 473 de Formoso.

Alcalde das Pontes desde hai 14 anos desde 2017, González Formoso era o secretario xeral do PSOE provincial da Coruña despois doutro proceso de primarias no que se impuxo á compostelá Mercedes Rosón.

Na súa vila logrou tres maiorías absolutas e agora dá o salto á política autonómica para liderar o partido os próximos catro anos.

Casado e con dous fillos, amante do baloncesto, está a finalizar os estudos de Dereito, para o que lle queda unha materia para lograr o título.

Formoso, tras varios meses de rumores, anunciou o 30 de setembro que competiría nas primarias dos socialistas galegos, unha vez que se convocou polo Comité Nacional o XVI Congreso do PSdeG-PSOE para decembro.

Ábrese agora un prazo de 24 horas para presentar alegacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade