Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha xurista da UE avala as accións colectivas para reclamar as cláusulas chan

Unha xurista da UE avala as accións colectivas para reclamar as cláusulas chan

O macropreito de Adicae orixinou a consulta do Supremo á xustiza europea

O TXUE xa declarara nulas as cláusulas abusivas

G24.gal 18/01/2024 12:20

A transparencia das cláusulas chan incluídas nos contratos de préstamo hipotecario pode ser examinada no marco dunha acción colectiva, determinou este xoves a avogada xeral da Unión Europea (UE), Laila Medina. 

Nunhas conclusións publicadas hoxe, a xurista letoa, unha dos 11 avogados xerais do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), respondeu a preguntas remitidas polo Tribunal Supremo sobre se un procedemento colectivo contra máis dun centenar de institucións financeiras españolas é adecuado para levar a cabo un control da transparencia das cláusulas chan, a fin de apreciar se teñen carácter abusivo.

O macropreito de Adicae orixinou a consulta do Supremo á xustiza europea

A Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas de Aforros e Seguros de España (ADICAE) levou a cabo unha acción colectiva -na que compareceron 820 consumidores- contra 101 entidades financeiras para que cesen no uso das cláusulas chan e devolvan as cantidades pagadas na súa aplicación.

Logo de dúas sentenzas condenatorias, os bancos interpuxeron un recurso perante o Tribunal Supremo, que pola súa banda preguntou ao TXUE sobre a conveniencia dunha acción colectiva.

Medina sinalou hoxe que nada o impide segundo a directiva europea de 1993 sobre cláusulas abusivas en contratos e que simplemente debe adaptarse ás súas características específicas. Segundo a resolución da xurista, a acción colectiva pode empregarse cando está dirixida contra un número considerable de bancos e afecta numerosos contratos sempre que as entidades pertenzan ao mesmo sector económico e as cláusulas sexan semellantes.

Neste senso, a avogada xeral precisou que compete ao Tribunal Supremo determinar se existe un grao de similitude suficiente para permitir que siga adiante a acción colectiva, pero xa avanzou que hai un forte indicio diso. 

O TXUE xa declarara nulas as cláusulas abusivas

O TXUE xa declarara nunha sentenza previa que as cláusulas abusivas debían declararse nulas, polo que o consumidor ten dereito a que se lle devolvan as cantidades percibidas indebidamente polo banco.

As cláusulas fixaban un limiar (ou chan) por baixo do cal non podía situarse o tipo de xuros variable, aínda cando o tipo de referencia (xeralmente o euríbor) fose inferior a ese mínimo. Cando os tipos de referencia caeron moi por baixo dese limiar, os consumidores decatáronse de que non podían beneficiarse desa baixada e de que tiñan que seguir pagando o tipo de interese mínimo (que adoitaba situarse entre o 2 % e o 5 %), a pesar de ter unha hipoteca a tipo variable.

Esa situación deu lugar a que consumidores tanto a nivel individual como representados en asociacións impulsasen miles de preitos en España.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade