Publicador de contidos

Un peregrino con hemiplexía fai 5.400 quilómetros nunha bici adaptada

Un peregrino con hemiplexía fai 5.400 quilómetros nunha bici adaptada

Un home suizo percorre o Camiño de Santiago co fin de concienciar sobre os accidentes cerebrovasculare

"Queremos falar de prevención. Cada catro minutos en Europa hai un dano cerebral, e a cuarta parte das persoas que o sofren morren. É a segunda causa de morte en Europa". 

Christian Salamin, peregrino suízo
David Fernández 27/10/2021 15:02

Co fin de concienciar sobre os accidentes cerebrovasculares, Christian Salamin, un peregrino suízo coa metade esquerda paralizada, está a percorrer o Camiño de Santiago.

Faino nunha bicicleta adaptada, coa que pedalea coa perna dereita. Comezou a ruta en Noruega o pasado 7 de xullo, e dende aquela xa fixo uns 5.400 quilómetros. 

Salamin subliña que "foi unha viaxe moi longa, de máis de tres meses, pedaleando todos os días a través de sete países. España foi o país onde máis difícil resultou facer o camiño". 

"Fáltanos moita adaptación, e ás veces é unha cousa simple. Non hai por que pór formigón no Camiño, senón facer uns pasos en terra, cunhas rampliñas ben pronunciadas para que poida pasar. Se é accesible para unha persoa en cadeira de rodas, é moito máis para unha persoa andando" asegura Jorge López, Presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Sarria.

Christian prevé chegar ao Obradoiro este mesmo venres, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Ictus. De feito, a súa peregrinación, chamada Ride for Stroke, busca ofrecer unha mensaxe optimista para aqueles que se recuperan dun dano cerebral e para as súas familias. 

Con esta peregrinación, Christian tamén está a recadar fondos para un colectivo do seu país, Fragile Valais, que apoia as persoas que padeceron un ictus. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade