Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un amplo dispositivo busca dous menores que puideron caer ao mar en Gran Canaria

Un amplo dispositivo busca dous menores que puideron caer ao mar en Gran Canaria

Acudiran a pescar á baía, onde atoparon os seus obxectos persoais

Os efectivos buscan por terra, mar e aire os dous menores

Dispositivos de mar e aire na busca dos dous menores (EFE) Dispositivos de mar e aire na busca dos dous menores (EFE)
G24.gal 09/03/2024 20:07

Dende este venres, Emerxencias e o exército buscan dous menores de 16 e 17 anos que puideron caer ao mar nas inmediacións da praia de El Confital, nas Palmas de Gran Canaria. A ambos perdéuselles a pista a última hora da tarde do venres.

Este sábado retomaron as tarefas para tentar localizar os dous mozos, que, segundo informaron fontes do dispositivo de emerxencias, acudiran a pescar a esta zona da baía. Os seus obxectos persoais foron localizados o venres pola noite.

A chamada de emerxencia recibiuna o Centro Coordinador de Emerxencias e Seguridade (CECOES) sobre as 19:15 do venres, polo que se mobilizaron diferentes recursos que colaboran dende ese momento nas tarefas de procura.

No dispositivo por terra, mar e aire, participan unha dotación de Bombeiros do parque do Porto, militares da base do Illote, o Servizo Aéreo de Rescate (SAR) do Exército do Aire, efectivos de Salvamento Marítimo, Policía Local das Palmas de Gran Canaria, Policía Nacional, Garda Civil e Servizo de Urxencias Canario (SUC).

Sobre o terreo tamén se atopa a unidade de drons dos bombeiros, que se retirou tarde na noite do venres e se volveu activar este sábado. Dende esta mañá tamén están na procura o Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil.

Por aire atópanse traballando un helicóptero do SAR, outro de Salvamento Marítimo e un do Grupo de Emerxencias e Salvamento (GES) do Goberno de Canarias.

Por mar, ademais dos GEAS, traballan o patrulleiro Río Tambre da Garda Civil e o Guardamar Urania de Salvamento Marítimo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar