Trump imporá aranceis aos países que vendan petróleo a Cuba
O presidente dos EUA declara a emerxencia nacional contra a illa e augura que Cuba non poderá sobrevivir con estas novas sancións
O Goberno cubano acusa a Trump de mentir e cualifica de brutal acto de agresión o bloqueo total de cru
O combustible comeza a escasear en Cuba e a cidadanía bota man do carbón para cociñar nos seus fogares (REUTERS/Norlys Perez)
O presidente estadounidense Donald Trump asinou este xoves unha orde executiva que establece que os Estados Unidos poderán impoñer aranceis aos bens procedentes de países que vendan ou proporcionen petróleo a Cuba.
O mandatario declara a emerxencia nacional contra a Illa e afirma que este territorio constitúe unha ameaza extraordinaria para a seguridade nacional e a política exterior dos EUA.
En Cuba falan de agresión brutal e insisten en que non representan unha ameaza para ninguén.
Os argumentos de Trump
O mandatario estadounidense xustifica a escalada argumentando que a alianza do Goberno cubano con grupos terroristas transnacionais como Hamas ou Hezbollah e países como Rusia, A China ou Irán prexudica e ameaza os Estados Unidos.
Subliña que Cuba persegue e tortura os seus opoñentes políticos, viola os dereitos humanos e nega ao pobo cubano a liberdade de expresión e de prensa aproveitándose corruptamente da súa miseria. "Temos moitos cubanoestadounidenses que foron tratados moi mal e gustaríalles volver", declarou o presidente norteamericano.
Por iso dá un paso máis ao bloqueo que pesa sobre a illa e ameaza con impoñer un gravame adicional ás importacións de produtos estranxeiros que directa ou indirectamenten fornezan de cru a Cuba.
Trump sostén que con estas novas sancións, que se suman ao corte de envío de cru venezolano tras o derrocamento de Maduro, Cuba non poderá sobrevivir e augura un cambio de réxime.
A Habana fala de chantaxe e condena a medida
Como un brutal acto de agresión. Así cualifica o Goberno de Cuba a última ameaza lanzada polos EUA. Na illa condenan a última medida decretada pola admnistración norteamericana, coa que pretende, aseguran, impoñer un bloqueo total ás subministracións de combustible ao país.
O chanceler cubano Bruno Rodríguez denuncia a chantaxe e coerción dos EUA contra aqueles países que subministran cru á illa e engade que Trump se apoia nunha longa lista de mentiras que pretenden presentar a Cuba como unha ameaza que non é, e engade: "Cada día hai novas evidencias de que a única ameaza á paz, á seguridade e á estabilidade da rexión, e a única influencia maligna, é a que exerce o Goberno dos EUA contra as nacións e os pobos da nosa América".
Cuba precisa a diario duns 110.000 barrís de petróleo para sobrevivir. Arredor de 40.000 proveñen da súa produción nacional de cru e os dous terzos restantes deben ser importados.
O seu principal provedor histórico era Venezuela, que o ano pasado a forneceu duns 27.000 barrís diarios. México fíxolle chegar entre 6.000 e 12.000 e Rusia uns 6.000 barrís ao día.
A captura de Nicolás Maduro o pasado 3 de xaneiro supuxo un duro golpe para a illa, que viu como a billa de cru venezolano pechaba. Esta nova medida podería ser letal para un territorio que leva padecendo 63 anos de bloqueo.