Trump demanda a BBC por presunta difamación e pide ata 5.000 millóns de doláres
O presidente norteamericano sostén que a BBC editou partes do seu discurso nun documental emitido en 2024 para que dese a entender que incitou directamente á violencia nos disturbios do Capitolio en 2021
Trump cualifica a edición como "falsa, difamatoria e maliciosa, e a canle británica defínea como un "erro de xuízo", ofrecendo desculpas e disposta a defenderse ante os tribunais
6 de decembro de 2025. Imaxe da vista das oficinas da BBC no centro de Londres (EuropaPress/Ben Whitley/PA Wire/dpa)
O presidente de Estados Unidos, Donald Trump, presentou este luns unha demanda por difamación contra a BBC, ao acusar a cadea pública británica de editar de forma enganosa o seu discurso do 6 de xaneiro de 2021 nun documental, de modo que daba a impresión de que el incitou directamente á violencia nos disturbios do Capitolio.
Medios internacionais reportan que a demanda, presentada nunha corte federal do sur de Florida, reclama ata 5.000 millóns de dólares en danos por dous cargos: difamación e violación da lei de prácticas comerciais de Florida.
O documental en cuestión, titulado Trump: segunda oportunidade?, foi emitido polo programa Panorama da BBC pouco antes das eleccións presidenciais de 2024 e uniría seccións separadas do discurso de Trump para suxerir que el ía camiñar cos seus seguidores cara ao Capitolio e "loitar como demos", unha edición que o mandatario cualifica de "falsa, difamatoria e maliciosa".
A BBC recoñeceu que a edición foi un "erro de xuízo" e ofreceu desculpas, aínda que sostivo que non existe base legal para unha demanda por difamación, e comprometeuse a defenderse nos tribunais. Altos executivos da emisora, incluíndo o director xeral Tim Davie e a xefa de noticias Deborah Turness, renunciaron tras a polémica.
Expertos legais sinalaron que Trump enfrontará retos para probar difamación baixo as leis estadounidenses, que protexen fortemente o discurso de interese público e requiren demostrar que o medio actuou con coñecemento de falsidade ou temerariamente.
A demanda súmase a unha serie de accións legais do presidente contra medios de comunicación en Estados Unidos e agora involucra por primeira vez a unha cadea internacional británica nunha disputa xudicial de alto perfil.