Trump afirma que sen Netanyahu Israel “tal vez xa non existiría”
O presidente dos Estados Unidos eloxia o primeiro ministro israelí tras unha reunión a porta pechada en Florida
Netanyahu anuncia a concesión do Premio Israel a Trump polas súas contribucións ao país
REUTERS/Jonathan Ernst
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, afirmou que sen o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, Israel “tal vez xa non existiría”.
Fíxoo este luns durante unha rolda de prensa conxunta celebrada en Mar-a-Lago, en Florida, tras unha reunión a porta pechada entre ambos mandatarios.
Trump cualificou a Netanyahu como un primeiro ministro de máximo nivel en tempos de guerra e asegurou que, de estar outra persoa no seu lugar, o país podería non ter sobrevivido.
A comparecencia estivo marcada polo intercambio de eloxios mutuos durante máis de vinte minutos.
O desarme de Hamas, clave para a segunda fase do plan de paz
Ningún dos dous líderes achegou detalles concretos sobre os asuntos tratados na reunión previa.
Segundo fontes israelís, o encontro tiña como prioridade abordar o desarme de Hamas para desbloquear a segunda fase do plan de paz na Franxa de Gaza.
Israel comunicara antes da reunión que non estaba disposta a avanzar nesa nova fase mentres Hamas non entregase o corpo de Ran Gvili.
Gvili era un policía israelí que morreu durante os ataques do 7 de outubro de 2023.
En outubro, Hamas entregou a Israel os 20 reféns israelís que permanecían con vida.
Tras a devolución de máis de vinte cadáveres, o de Gvili é o último que queda pendente de transferencia.
Netanyahu anuncia o Premio Israel para Trump
Pola súa banda, Netanyahu agradeceu a axuda “inestimable” de Trump durante o proceso.
O primeiro ministro anunciou que planea conceder ao presidente estadounidense o Premio Israel.
Segundo explicou, en case 80 anos este recoñecemento nunca fora outorgado a unha persoa non israelí.
Netanyahu indicou que a decisión partiu do ministro de Educación.
O premio recoñecerá, segundo dixo, as contribucións de Trump a Israel e ao pobo xudeu.
O primeiro ministro non precisou cando se fará entrega oficial deste galardón.