Tras o acordo en Estremadura, PP e Vox achegan posturas en Aragón e Castela e León
Vox apoiará a investidura de Guardiola, prevista para os días 21 e 22, e os orzamentos a cambio de dúas consellerías e a segunda vicepresidencia
Os populares advirten de que cada comunidade é diferente á hora de acadar un pacto de coalición
Vox dá por feito que o acordo que permitirá investir a popular María Guardiola en Estremadura se vai replicar en Aragón e Castela e León en termos moi semellantes.
"Soará unha música semellante en Aragón á de Estremadura", dixo o secretario xeral Ignacio Garriga.
Desde o PP responden que cada acordo é independente.
"O de Estremadura non ten nada que ver con Castela e León", advertiu o presidente en funcións desa comunidade, Alfonso Fernández Mañueco.
María Guardiola volverá ser a presidenta estremeña grazas ao pacto de coalición con Vox anunciado este xoves.
"Superamos as nosas diferenzas para representar a maioría dos estremeños", dixo Guardiola.
"Teremos o mellor goberno posible", apuntou Óscar Fernández , de Vox.
Vox comprométese a apoiar os orzamentos anuais que garantan a estabilidade en Estremadura. A cambio obtén a vicepresidencia segunda, e dúas consellerías, a de Agricultura, Gandería e Medio natural, e a de Familia, Regulación e Servizos Sociais, que se ocupará entre outras cousas dos temas vencellados á inmigración. Guardiola agarda poder ser investida a próxima semana.