Teresa Portela renuncia a participar no selectivo para entrar no K4
A padexeira de Aldán, que participou nos últimos 7 Xogos Olímpicos, entende que a Federación a tratou con desprezo ao situar o centro de operacións en Sevilla e non facilitar as mínimas condicións de adestramento necesarias
Teresa Portela, a muller con sete participacións olímpicas ás súas costas, renuncia a participar no vindeiro selectivo da selección española e ve como as opcións de estar nos Xogos de 2028 en Los Ángeles se ven moi minguadas.
O grupo de traballo do K4 creado en Pontevedra para o ciclo de 2024 rompeuse e a Federación decidiu colocar a nova sede en Sevilla, algo que é incompatible coa súa vida familiar. A padexeira de Aldán, prata en Tokio'21, levaba adestrando desde o ano 2009 con Daniel Brage. Unha vez rematados os últimos Xogos, Teresa Portela viuse sen adestrador e sen unhas condicións de adestramento necesarias para buscar o seguinte reto.
Velaquí o texto íntegro de Teresa Portela
O vindeiro xoves celebrarase en Sevilla o Selectivo Nacional, evento clave que determinará que deportistas e en que embarcacións representarán a España na Copa do Mundo, Europeo e Mundial. Esta proba será clasificatoria conforme aos criterios establecidos pola Real Federación Española de Piragüismo co fin de seleccionar aos deportistas que formarán parte do equipo nacional absoluto.
Despois de 25 anos de dedicación, esforzo e compromiso coa miña profesión e co desenvolvemento do piragüismo feminino en España e logo da publicación hai unhas semanas dos criterios definitivos establecidos pola RFEP tomei a difícil decisión de NON asistir a este selectivo.
As razóns serían as seguintes:
1. Ausencia de adestrador desde o inicio da temporada. Desde outubro ata finais de febreiro non se creou o Equipo Nacional Absoluto feminino a diferenza doutros grupos. Iso implicou adestrar sen o acompañamento técnico necesario e sen unha planificación axeitada. Quero agradecer á Xunta e ao Secretario Xeral para o Deporte polo seu apoio, tentando poñer solución a esta situación no mes de marzo.
2. Criterios de selección e consecuencias persoais. Segundo os criterios da RFEP para formar parte do K4 sería necesario clasificarse entre as 12 primeiras deportistas en barco individual. Si acado o obxectivo implicaría trasladarme a Sevilla, onde o equipo nacional ten a súa base. Para min é inviable facelo por non poder conciliar a miña vida familiar e a miña carreira deportiva.
Non é un momento doado pola decepción e sorpresa destes últimos meses. Preferín non pronunciarme publicamente priorizando o meu benestar e tratando de non afectar a outras persoas coa miña situación desde o respecto e a responsabilidade.
A vida está chea de retos e cada un impúlsanos cara ao seguinte. Por iso sigo adestrando, mantendo a ilusión á procura dun novo reto. Quero afrontalo con novos obxectivos, desafiantes e motivadores que me permitan seguir gozando da miña carreira profesional e ter a oportunidade de volver a representar a España con orgullo.