Terceira xornada da Liga Galega de traiñeiras e terceiro gañador diferente
Bueu imponse por diante de Samertolameu e tamén se une aos equipos que queren pelexar polo campionato
Ares quedou a un só segundo e recupera o primeiro posto
Na Liga galega de traiñeiras, Ares recuperou esta tarde o liderado. Gañou a embarcación de Bueu, na bandeira illa de Samertolameu. Ares entrou de segunda a pouco máis dun segundo dos triunfadores. Tirán foi a terceira e Chapela a cuarta.
Nas dúas primeiras quendas só houbo a sorpresa de Mecos, que adiantou a Narón e a confirmación do potencial de Castropol, que se impuxo na segunda quenda e acadou un quinto posto en tempos compensados.
As catro primeiras (Ares, Bueu, Tirán e Chapela) volveron amosar o seu poderío. Bueu e Chapela fixeron unha saída fortísima pero os laranxas afundíronse no segundo longo. Bueu mantiña cinco segundos sobre Ares e Tirán na metade do percorrido. Os aresáns fóronse achegando, sobre todo nun último longo de infarto pero Bueu mantivo a primeira posición por unha marxe moi escasa.