Sumar esíxelle ao PSOE que acelere o peche das centrais nucleares
Ibedrola, Naturgy e Endesa solicitáronlle ao Goberno prorrogar a súa central en Almaraz ata 2030
Este xoves vótase no Congreso unha emenda do PP para alongar a vida das nucleares
Ibedrola, Naturgy e Endesa xa lle pediron ao Goberno alongar a vida da súa central nuclear en Almaraz ata 2030. Mario Ruiz-Tagle, conselleiro delegado de Iberdrola España, entende "que non é o momento de pechar", mentres José Bogas, conselleiro delegado de Endesa, agarda que a resposta do ministerio "sexa positiva".
Así o agarda tamén o líder do PSOE de Estremadura, Miguel Ángel Gallardo, que, nas últimas horas asegurou que o permiso para operar "vaise prorrogar porque hai un compromiso do Goberno de España".
O asunto abre unha nova fenda na coalición. Verónica Barbero, voceira de Sumar no Congreso, insiste en que "o peche das centrais nucleares é un acordo de Goberno e o PSOE ten que cumprilo".
En todo caso, os partidos terán que retratarse este xoves. Vótase no Congreso a lei de mobilidade sostible, un texto que chega do Senado cunha emenda imprevista aprobada pola maioría do PP para estender a vida útil de todas as centrais nucleares que hai en España, cinco en total.
A emenda do PP podería saír adiante cos votos de Junts, que xa se pronunciou en contra do peche das dúas que hai en Tarragona. Son de Endesa. A empresa cre que a industria catalá non se pode manter sen as nucleares e advirten que xa afecta os investimentos. As centrais de Ascó e Vandellós cobren agora o 60 % da demanda eléctrica en Cataluña.