Publicador de contidos

Sumar designa a Jaume Asens para negociar o apoio dos independentistas cataláns

Sumar designa a Jaume Asens para negociar o apoio dos independentistas cataláns

Fontes do partido falan dun primeiro contacto con Puigdemont, que Junts nega

ERC mételle presión a JXCat para que non bloqueen a investidura

Antón Montero 24/07/2023 20:51 Última actualización 24/07/2023 21:06

Sumar pon en marcha as negociacións postelectorais. O exdeputado de En Comú Podem, Jaume Asens, xa negocia con Carles Puigdemont o apoio de Junts á investidura de Pedro Sánchez. Non o van ter doado.

"Junts per Catalunya non investirá a Pedro Sánchez a cambio de nada. O que faremos é negociar en base aos dous grandes eixos da autodeterminación e a amnistía", dixo Josep Rius, vicepresidente da formación.

O seu secretario xeral, Jordi Turull, era pesimista: "Tal e como está agora Pedro Sánchez, o que dixo do indepentismo e o que non está disposto a facer, non vexo a investidura por ningunha parte".

Tamén Esquerra pedirá negociar un referendo, ademais dun mellor financiamento e do traspaso do tren de proximidades.

Pese a perder 6 escanos, a formación republicana lembra que o independentismo segue tendo a chave da gobernabilidade e presiona a Junts para que evite a tentación de forzar a repetición electoral.

Marta Vilalta, voceira de ERC, cre que "se debe exercer esta chave defendendo os intereses de Cataluña e non bloqueando, que cremos que non é útil para a cidadanía do noso país".

Tras gañar un deputado e adiantar ao PNV, Bildu admite que a súa prioridade será evitar un goberno de dereitas.

Arnaldo Otegi, líder da formación abertzale, explicaba que "iso que denominamos na anterior lexislatura unha fiestra de oportunidade segue estando aberta, polo menos en termos hipotéticos e en termos teóricos. Sabemos que é difícil, sabemos que a aritmética é a que é".

O PNV vaille pedir a Sánchez tomar decisións estratéxicas para Euskadi e Cataluña. Do futuro bloque de investidura bórrase Coalición Canaria: din que non apoiarán gobernos coa extrema dereita, pero tampouco coa extrema esquerda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Publicador de contidos