Publicador de contidos
Publicador de contidos

Suíza négase a dar información ao xuíz de Tsunami sobre Rovira

Suíza négase a dar información ao xuíz de Tsunami sobre Rovira

A Oficina Federal de Xustiza dubida de se a investigación é política e quere saber como pode afectar a lei de amnistía nos investigados nesta causa 

G24.gal 20/02/2024 11:32

A Oficina Federal de Xustiza de Suíza enviou unha misiva ao xuíz do caso Tsunami Democràtic, Manuel García Castelló, a través do Ministerio de Xustiza, en que se nega a auxilialo na localización da secretaria xeral de Esquerra Republicana de Cataluña, Marta Rovira. Négase tamén a darlle información sobre unha conta bancaria empregada, supostamente, para financiar a plataforma. As autoridades suízas entenden que antes deben decidir se hai un carácter político na petición

Tal e como recolle El País, na carta remitida a Oficina Federal de Xustiza solicita, ademais,   información sobre como pode afectar a lei de amnistía que se tramita no Congreso dos Deputados "para varios separatistas cataláns" a esta causa en concreto. Abunda en que sería conveniente que lles explicasen as posibles consecuencias desta lei sobre os procedementos iniciados contra os membros da plataforma Tsunami e en concreto sobre Marta Rovira, "cuxa pertenza á devandita plataforma non está clara".

Suíza suspende, así, o auxilio solicitado polo maxistrado ata que España e en concreto a Audiencia Nacional responda as súas preguntas. Entende que, tras "examinar coa máxima atención" a comisión rogatoria, que o contido é moi similar á do 3 de decembro de 2019 que xa deu lugar a unha denegación de asistencia.

Dende a Oficina Federal de Xustiza do país helvético explican que antes de decidir se a comisión rogatoria ten un carácter político, o que impediría conceder a asistencia en virtude da lexislación suíza sobre asistencia mutua en materia penal, necesitan saber para que quere García-Castellón coñecer o paradoiro de Rovira e por que o fai por este conduto cando esta medida pode levar a cabo mediante o procedemento simplificado de cooperación policial.

Sobre a petición de información bancaria, pregúntanse por que o maxistrado quere ter movementos ata xuño de 2020 se os eventos organizados por Tsunami nos aeroportos do Prat de Barcelona e en Baraxas (Madrid) e que "supostamente debían recibir apoio financeiro a través da citada conta" tiveron lugar o 14 de outubro de 2019. E destacaba que é importante  coñecer a relación exacta entre Rovira e as manifestacións nos dous aeroportos "e máis concretamente nas accións emprendidas contra os funcionarios españois e saqueos cometidos neste contexto".

A resposta de 2020 

Xa en 2020 as autoridades xudiciais de Suíza negáronse a prestar asistencia xurídica a España na causa que se instrúe na Audiencia Nacional sobre Tsunami Democràtic, ao entender que o procedemento ten "un carácter político preponderante".

Na resposta que deu o país helvético ao Xulgado Central de Instrución número 6, ao que tivo acceso Europa Press, indicábase que o convenio europeo polo que se rexen as relacións entre ambos os países dispón que a asistencia xurídica poderá denegarse "se a solicitude se refire a infraccións consideradas pola parte requirida como infraccións políticas ou como infraccións relacionadas con infraccións políticas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade