Publicador de contidos

Publicador de contidos

Suecia apunta ao seu posible ingreso na OTAN seguindo os pasos de Finlandia

Suecia apunta ao seu posible ingreso na OTAN seguindo os pasos de Finlandia

O Parlamento sueco conclúe que a adhesión á Alianza Atlántica reducirá o risco de ataque ruso

Se finalmente dá o paso, Suecia deixaría atrás a súa tradicional neutralidade que fixo que quedara fóra das dúas guerras mundiais 

EP 13/05/2022 16:21

O informe encargado polo Parlamento sueco para valorar a posible entrada do país nórdico na OTAN conclúe que esta adhesión reduciría o risco de sufrir un ataque ruso, o que facilita o camiño para que o Goberno de Magdalena Andersson presente unha solicitude formal.

Se finalmente Oslo dá o paso seguiría o paso marcado polo seu veciño finlandés que nas últimas datas oficializou a decisión de entrar na Alianza Atlántica.

Se Suecia queda fóra da OTAN, "non tería as garantías de seguridade que implica ser membro" e que supoñen "un risco máis baixo de accións unilaterais" por parte da veciña Rusia. O informe apunta como hipótese un ataque á illa de Gotland, no mar Báltico.

Os expertos estiman que a adhesión á Alianza Atlántica serviría como elemento de "disuasión" fronte a un conflito na zona norte de Europa, segundo ese informe que apoiaron todas as formacións a excepción do Partido Verde e do Partido da Esquerda, informa a axencia Bloomberg.

O documento non apoia explicitamente a entrada de Suecia na OTAN, pero o Goberno estaba á espera para dar o paso definitivo. De feito, entre as conclusións figura tamén a necesidade de coordinarse coa veciña Finlandia.

No caso de Suecia, un momento clave chegará o domingo, cando o Partido Social Demócrata, gobernante, anuncie a súa posición definitiva sobre este asunto. Ademais, ao día seguinte terá lugar un debate extraordinario sobre este tema no Parlamento.

Suecia encamíñase a romper coa súa neutralidade, en virtude da cal quedou fóra das dúas guerras mundiais e evitou aliñarse con algún bloque tras a caída da Unión Soviética. A invasión rusa sobre Ucraína foi o detonante definitivo, xa que se en xaneiro só un 37 por cento dos suecos apoiaba a entrada na OTAN o dato agora ascende ao 53 por cento, segundo unha sondaxe de Novus publicado esta semana.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade