Soriano mantén a calma con Yeremay: "O club non negocia"
"Cando alguén fai as cousas tan ben é normal que os grandes equipos se interesen por el", asegurou o director deportivo do cadro branco e azul
O nome de Yeremay vai estar na boca de moitos ata o final do mercado de verán. Aínda quedan tres semanas para pechar as contratacións e moitos temen que algún equipo deposite a cláusula da estrela canaria do Deportivo. Sería a única maneira de que marchase de Riazor, porque segundo Fernando Soriano, director deportivo do cadro coruñés, "o club non negocia".
"Estamos moi tranquilos con Yeremay", dixo Soriano: "Está adestrándose moi ben e iso lévao ao campo. Cando alguén fai as cousas tan ben é normal que os grandes equipos se interesen pero el está acostumado ao ruído". No pasado mercado de inverno houbo moitos equipos que preguntaron por el, un deles o Spórting de Portugal que agora volve á carga.
O último campión da liga portuguesa ingresou máis de cen millóns de euros pola venda de xogadores como Gyokeres, Essugo ou Edwards e agora ten que reforzar o equipo para ter unhas prestacións similares. Xa gastou 47 millóns, pero quédalle un bo remanente para realizar unha operación moi importante e esa podería ser a de Yeremay Hernández. A súa fichaxe non está á altura de calquera -o Como italiano pagaba a súa cláusula- pero ata a fin do mercado non van estar tranquilos nas oficinas de Abegondo.