Publicador de contidos
Publicador de contidos

Soben a 221 as vítimas mortais da DINA e a cifra de desaparecidos baixa a 78

Soben a 221 as vítimas mortais da DINA e a cifra de desaparecidos baixa a 78

Nas últimas horas recuperaron o corpo dun home en Catarroja e o dun neno en Chiva

No depósito continúan sen identificar 54 cadáveres

G24.gal 07/11/2024 21:17 Última actualización 07/11/2024 21:43

O último reconto oficial eleva a 221 as vítimas mortais da DINA. Xa foron identificados 167 cadáveres pero seguen sen identificar 54. A cifra de desaparecidos redúcese a 78.

Os últimos cadáveres recuperáronse en Catarroja e en Chiva. Esta última localidade é un paradoxo do desastre. Media vila librouse dos efectos da DINA e a outra metade quedou devastada. Aquí seguen buscando, con cans adestrados, vítimas polo barranco. Mentres os veciños que se libraron da catástrofe axudan a parte damnificada. Unha semana levan un grupo de rapaces cun chimpín retirando entullo. 

Moitas vivendas da localidade teñen danos estruturais e son irrecuperables. E nove días despois da riada seguen retirando vehículos. Os que teñan seguro poden recorrer ao Consorcio de Compensación de Seguros, que xa recibiu 116.000 solicitudes de indemnización pola DINA.

"Supoñen en sete días as reclamacións por eventos extraordinarios que adoita tramitar o consorcio en todo un ano", explicou o director xeral de Seguros, José Antonio Fernández.

Desde este xoves e durante un prazo extraordinario de dous meses os damnificados poden solicitar as axudas do Goberno. Aseguran que é un trámite sinxelo coa burocracia reducida ao mínimo.

"De recompilar esa documentación encárgase a propia administración mediante o sistema de interconexión dunhas administracións con outras", informaba a subsecretaria de Ministerio do Interior, Susana Crisóstomo.

Nas zonas afectadas instaláronse oficinas móbiles da Policía Nacional para tramitar documentación perdida.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade