Sanidade habilitará novas axudas para pacientes que teñan que desprazarse a outra área
Sanidade habilitará novas axudas para pacientes que teñan que desprazarse a outra área
A proposta contempla novas axudas de ata 30 euros ao día para aloxamento e comida, cun máximo de 450 ao mes
A compensación por desprazamento subirá ata os 0,15 €/km
Sanidade tramita unha mellora nas axudas para os pacientes que, por indicación médica, teñan que desprazarse fóra da súa área sanitaria. O proxecto contempla unha suba de tres céntimos nas axudas ao desprazamento, que pasarían a pagarse a 15 céntimos o quilómetro.
Ademais, por primeira vez, inclúe unha axuda para os gastos de comida e aloxamento. "Incluímos aloxamento e comida, cunha contía por persoa e acompañante", explica o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal. A proposta contempla 30 euros diarios por persoa e día, ata un máximo de 450 euros ao mes.
Estas novas axudas eran unha das reinvindicacións da Federación galega de enfermidades raras e crónicas. Os doentes que representa a Fegerec teñen que viaxar na procura de diagnóstico ou tratamento alá onde estea o centro de referencia estatal para a súa doenza.
"Hai familias que se hipotecaban por isto" afirma Carmen López, directora sociosanitaria da federación. A falta de recursos -explica- impedía a moitas familias exercer un dereito sanitario, "porque a ti derívate unha autoridade sanitaria", engade.
Dende a Fegerec valoran en positivo a proposta, pero xa advirten de que van presentar alegacións. "O problema fundamental desta regulación é que nos poñen un máximo de 450 euros ao mes", explica a responsable de asesoramento xurídico, Sabela Sandino.
Coincide a responsable da área social, Isabel Botana, que cre que poñer un tope mensual "afectará ás persoas que precisen de estadías longas fóra", habituais entre as persoas con enfermidades raras. Botana tamén pide que os períodos de liquidación destas axudas sexan "o máis breves posible".
Dende Sanidade contan resolver as alegacións e ter o texto definitivo desta orde de axudas no mes de abril.