Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sánchez culpa da derrota en Galicia a falta de tempo pero pecha filas con Besteiro

Sánchez culpa da derrota en Galicia a falta de tempo pero pecha filas con Besteiro

G24.gal 19/02/2024 15:29 Última actualización 19/02/2024 19:19

O presidente do Goberno e líder do PSOE, Pedro Sánchez, reuniu este luns a porta pechada á Executiva Federal do PSOE para analizar os resultados das eleccións autonómicas do domingo en Galicia, nas que o PP revalidou a súa maioría absoluta e o PSdeG seguiu en terceiro lugar tras o BNG pero sufriu unha  nova perda de escanos,  ao pasar de 14 a 9 .

A portavoz do PSOE, Esther Peña, dixo nunha rolda de prensa celebrada en Ferraz tras a reunión que Sánchez asumiu ante os seus compañeiros este desenlace e fixo xunto aos seus "autocrítica".Recoñeceu os malos resultados dos socialistas en Galicia, que achaca ó adianto electoral. 

Constatou que non houbo tempo suficiente para fortalecer o proxecto do candidato socialista á Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, a quen Ferraz expresou o seu "apoio" e "absoluta confianza".

Peña descartou que a amnistía tivese influencia nestas eleccións para algún dos dous bloques, xa que o PP mantén a súa maioría absoluta en Galicia mentres que a esquerda subiu un escano grazas ao BNG, e negou así mesmo que esta nova vitoria dos populares supoña un cambio de ciclo no panorama territorial.

"Non creo que exista ningún cambio de ciclo, existe unha resiliencia demostrada do PP en manter uns resultados autonómicos en Galicia con certa solidez", asegurou a voceira socialista, que asegura que "non se moveron moitas pezas no escenario electoral".

Neste sentido, recoñeceu que nas pasadas eleccións autonómicas e municipais o PSOE perdeu poder pero non "base electoral", e reivindicou o "papel vertebrador" dos socialistas en España, fronte a un PP ao que acusa de abrir "de par en par" as portas á "ultradereita" nas institucións. 

"(Os socialistas) temos resultados diferentes nas comunidades autónomas pero non somos residuais en ningunha", subliñou.

A voceira do PSOE non profundou na autocrítica, máis aló de recoñecer que os socialistas galegos non lograron a confianza do electorado e sufriron un descenso en escanos e en votos, mentres o BNG obtivo unha "puxanza forte" e o PP aproveitouse, na súa opinión, dunha "mobilización de última hora".

"En ocasións non se dá coa tecla para facer chegar un proxecto á cidadanía, poden darse varios factores, neste caso a falta de tempo. Nestes comicios influíu o adianto electoral que o PP provocou para que Gómez Besteiro non tivese algúns meses máis para darse a coñecer", sinalou.

Agora, segundo comentou, abrirase un período de "conversación e coordinación cos territorios" e seguirán analizando que factores puideron influír en Galicia para que houbese un transvasamento de votos do PSdeG ao BNG e que os socialistas non fosen "capaces de poñer voz ás persoas que querían un cambio real".

Na súa opinión, "a terra é para o que lla traballa" e por iso insistiu en apoiar a Besteiro para que dentro de catro anos poida encabezar "un proxecto real de cambio" en Galicia. De feito, fontes de Ferraz consideran que Besteiro é o líder natural dos socialistas galegos (cargo que na actualidade ostenta Valentín González Formoso) pero descartan que vaia haber un congreso do PSdeG proximamente, á vez que subliñan que o BNG tocou teito nestas eleccións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade