Publicador de contidos

Publicador de contidos

A lei de amnistía marca a primeira sesión de control ao novo Goberno

A lei de amnistía marca a primeira sesión de control ao novo Goberno

O presidente do Goberno, ausente pola súa viaxe a Bruxelas

Na sesión estreáronse varios ministros e voceiros parlamentarios

G24.gal 13/12/2023 08:23 Última actualización 13/12/2023 12:50

O Congreso celebrou esta mañá a primeira sesión de control ao Goberno coa ausencia de Pedro Sánchez. Faltou o presidente, que se atopa en Estrasburgo para clausurar a presidencia española do Consello da Unión Europea, e sen Sánchez foron as vicepresidentas as que tomaron protagonismo. Nadia Calviño, pola súa inminente saída cara ao BCI; Yolanda Díaz, á que a oposición acusa de non ser capaz de xestionar o seu partido e tampouco o Goberno, e María Jesús Montero. Esta última xustificou a lei de amnistía e lembrou que a proposta presentada polo PSOE ten cabida na Constitución.

Cuca Gamarra deulle primeiramente a Nadia Calviño os seus "parabéns por saír do Goberno", antes de preguntarlle sobre o balance económico que realizou durante o seu cargo como  vicepresidenta primeira e ministra de Economía, sinalando que "foxe das súas propias consecuencias e das súas políticas económicas".

A actual presidenta do Banco Europeo de Investimentos, Nadia Calviño, replicou que "o mercado de traballo está tendo un comportamento extraordinario, a inflación está baixo control e temos un superávit na balanza de pagos por conta corrente". Ademais sinalou que España é unha das poucas, se non a única economía europea que presenta perspectivas positivas para o ano que vén", engadindo que isto se logrou grazas a "unha política económica equilibrada e responsable".

O portavoz do PP, Tellado referiuse a Félix Bolaños, ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes de España como "ministro da amnistía, para a erosión democrática de España". O portavoz do PP falou de "chantaxe" sobre os pactos do PSOE para gobernar, referíndose ás reunións en Xenebra con Puigdemont, e á lei de amnistía como "ilegal e inconstitucional". Tellado insinuou a Bolaños que "o próximo paso será un referendo".

Bolaños respondeu ao portavoz do PP que eles "representan a soberanía nacional". O ministro da Presidencia instou a Tellado a que falase "do que ofreceu o PP a Junts para gobernar". Sobre a lei de amnistía respondeu que "é unha lei positiva para que volva a convivencia en Cataluña", acerca do Congreso Xeral do Poder Xudicial sinalou que vai "defender todos os ataques á xustiza por parte do Partido Popular".

Ademais, contestou á portavoz de Vox, Pepa Millán, quen lle preguntou sobre a lei de amnistía, sinalando que esta vai en contra da democracia.

Tellado preguntoulle a Yolanda Díaz acerca da estabilidade do país, sinalando que "é a ministra dos récords. Récord europeo en paro rexistrado, en paro europeo feminino e en paro xuvenil". Sobre as consecuencias que a marcha de Podemos terá para a estabilidade do Executivo, indicoulle que "tamén rompeu un partido en tempo en récord".

A vicepresidenta do Goberno, Yolanda Díaz, respondeu a Tellado que eles ían "garantir a estabilidade do noso país. Ademais, a vicepresidenta segunda e responsable de Traballo indicou que, en España, "hai 15 millóns de asalariados indefinidos en España, 10 millóns de pensionistas que teñen revalorizadas as pensións e 10 millóns de mulleres ocupadas".

O vicesecretario de Economía do PP, Juan Bravo, acusou a vicepresidenta e ministra de Facenda, María Jesús Montero, de enganar "coa amnistía para os procesados no procés, unhas acusacións ás que ela replicou pedindo ao PP que abandone a súa "actitude destrutiva",  cos seus intentos de "deslexitimar" a maioría que apoia ao Goberno, e a Bravo que se "poña a traballar" para ter un "proxecto de país".

Bravo emprazou a Montero a avanzar "cal a vai ser o próximo engano" dun Goberno que negou que se fose conceder unha amnistía que xa está en marcha e que tamén negou que se poida convocar un referendo de autodeterminación en Cataluña. Tamén botou en cara á vicepresidenta que sostivese que a amnistía é inconstitucional e agora diga o contrario.

Montero insistiu en que o que era inconstitucional era a lei de amnistía que no seu día presentaron os independentistas no Congreso pero non o texto que o PSOE pactou agora con eles. Ademais, a vicepresidenta recalcou que non é o PP o que debe determinar se esa proposición de lei choca ou non coa Constitución, senón o Tribunal Constitucional, e preguntou aos populares se apoiarán a amnistía cando este órgano a avale.

"Viven tan ancorados no engano que ata os seus socios lles piden verificadores", abundou Bravo, quen tamén acusou a Montero de mentir sobre asuntos económicos. A ministra de Facenda asegurou que Bravo foi o que mentiu aos andaluces, "cando cobrou por encima do que estipulaba a lei" na súa etapa de conselleiro de Facenda.

A titular de Igualdade Ana Redondo, outra das novas ministras, respondeu ao PP sobre as consecuencias da lei do só si é si. A ministra quixo pedir desculpas con "humildade" polos "efectos indesexados" da lei. Así, puntualizou que os "efectos indesexados" da aplicación da Lei integral de liberdade sexual foron xa superados precisamente por unha modificación que foi "amplamente debatida e apoiada neste Congreso e tamén no Senado". "Eses efectos están corrixidos e debemos mirar cara ao futuro", insistiu Redondo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade