Publicador de contidos

Publicador de contidos

Navantia-Ferrol construirá un novo buque da Armada que creará 1.800 empregos

Navantia-Ferrol construirá un novo buque da Armada que creará 1.800 empregos

O presidente do Goberno anunciou a contratación da construción deste barco, que suporá un investimento de 439 millóns de euros

A nova embarcación será a segunda máis grande da Armada e terá 174 metros de eslora

Sánchez durante a visita ao estaleiro de Navantia en Ferrol (EFE/Cabalar)
G24.gal 24/01/2024 11:56 Última actualización 24/01/2024 14:43

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este mércores a construción dun novo buque da Armada en Navantia-Ferrol, coa creación de 1.800 empregos e o investimento de 439 millóns de euros.

Nunha comparecencia en Navantia, Sánchez avanzou este encargo do Ministerio de Defensa para construír en Ferrol un novo buque de aprovisionamento de combate para a Armada xemelgo do actual Cantabria, polo que o contrato é inminente.

Conta cun investimento de 439 millóns de euros, vai supoñer tres millóns de horas de traballo e implicará a creación de 1.800 empregos directos e indirectos

Empezará "coa máxima celeridade" e contará co traballo de 300 empresas, das cales 175 serán galegas.

Explicouno Sánchez tras manter un encontro de traballo coa dirección do estaleiro de Navantia en Ferrol e, posteriormente, co comité de empresa.

Incidiu na necesidade de "reindustrializar Ferrol, Galicia e España" e facelo "en clave sostible e en clave tamén dixital porque eses son os piares sobre os que se vai construír a competitividade da economía".

Nese sentido, citou "non só á actividade de Navantia no sector da Defensa", senón tamén en campos como as renovables, en concreto "a eólica mariña". "Isto é emprego, isto é industria, isto é futuro", subliñou.

O presidente do Goberno citou tamén a construción das cinco fragatas F-110 da Armada nestes mesmos estaleiros, con máis de 20 millóns de horas de traballo, un investimento directo de 4.325 millóns de euros e máis de 9.000 emprego.

As instalacións de Navantia en Ferrol contaron cun investimento recente de 140 millóns de euros para modernización, "o maior en máis de 100 anos" dentro da "aposta polo presente e o futuro e a prosperidade na comarca de Ferrol".

Segundo máis grande da Armada

Ao ser xemelgo do Cantabria, o novo barco será o segundo máis grande da Armada, con 174 metros de eslora, e substituirá o Patiño, botado en Ferrol en 1994, xa no final da súa vida útil.

O Cantabria foi botado en Cádiz en 2008. Ten unha dotación de 164 persoas. Amais deses 174 metros de eslora, ten unha manga de 23 metros, un calado de 8 e alcanza unha velocidade máxima de 21,3 nós.

O seu tamaño só está superado polo buque de proxección estratéxica Juan Carlos I.

Os sindicatos ven unha "gran noticia" e sitúan o inicio da construción neste ano

O comité de empresa de Navantia-Ferrol cualificou de "gran noticia" o anuncio da construción deste novo buque e situaron o inicio do corte de chapa este mesmo ano.

O presidente do comité, Carlos Díaz, detallou aos medios que a representación do persoal mantivo unha reunión con Sánchez sobre os detalles do novo proxecto. Explicou que está prevista a orde de execución antes do verán e o inicio do corte de chapa "antes do final do ano" polo que está satisfeito.

"Saudámola e abrazamos como unha gran noticia, que é xerar emprego", dixo e engadiu que esta era unha parte das súas reivindicacións para a que "só facía falta vontade do Goberno".

O resto das súas reclamacións pasan por "modernizar as instalacións cun dique para obra nova e para reparacións" ademais de "un plan de emprego que dote de emprego público de calidade" e a "esixencia de coeficiente redutor -para xubilacións anticipadas- para toda a industria do sector naval".

Xunto a iso, tamén demandan avanzar na negociación do convenio colectivo, bloqueado desde fai tres anos, e avanzan que non van "parar ata conseguilo".

A Xunta de Galicia tamén valora a nova carga de traballo para Navantia, e insiste en que debe vir acompañada dun reforzo das infraestruturas

"Todo traballo a maiores é benvido, pero aquí estase demandando que se garanta a medio prazo o futuro da empresa, que pasa por reforzar as infraestruturas e modernizalas para adaptarse a novos proxectos industriais e barcos máis grandes", dixo a conselleira de Economía Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade