Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sánchez advirte de que España xoga non entrar "nun túnel tenebroso" e Feijóo pide unha maioría forte para "non contar con extremos"

Sánchez advirte de que España xoga non entrar "nun túnel tenebroso" e Feijóo pide unha maioría forte para "non contar con extremos"

Os reproches sobre posibles pactos e alianzas marcaron un tenso debate entre o presidente do Goberno e o líder da oposición

Sánchez e Feijóo saúdanse minutos antes de comezar o debate (EFE/ Juanjo Martín) Sánchez e Feijóo saúdanse minutos antes de comezar o debate (EFE/ Juanjo Martín)
G24.gal 11/07/2023 00:55

O único cara a cara da campaña entre o xefe do Goberno Pedro Sánchez e o líder do PP Alberto Núñez Feijóo derivou nun áspero choque dialéctico cheo de reproches en que o dirixente popular lle propuxo un pacto para deixar gobernar a quen consiga máis votos.

Unha oferta agora por escrito que xa lanzara verbalmente nalgunha ocasión e deixoulle encima da mesa dos estudios de Atresmedia onde ambos se enfrontaron durante case dúas horas salpicadas de interrupcións, acusacións e queixas que deron un ritmo frenético a un áspero intercambio de golpes en que non estiveron de acordo absolutamente en nada.

Non recolleu Sánchez a luva que lle lanzou o seu opoñente, quen se comprometeu a deixar gobernar o actual presidente se gaña as eleccións absténdose na investidura a cambio, iso si, de que o líder socialista faga o mesmo se é el quen vence o próximo 23X.

Como toda resposta, o socialista lembrou o aínda presidente de Estremadura Guillermo Fernández Vara, nunha comunidade autónoma en que o PP conseguirá investir presidenta a María Guardiola grazas a Vox.

Estiveron moi presentes Vox, a pedimento de Pedro Sánchez, quen non dubidou en recriminar a Feijóo que pacte "a propósito" cun partido "machista", e Bildu, que o líder do PP sacou a colación moi reiteradamente para deixar ben claro que el xamais pactaría con quen foi condenado por terrorismo como si fai o PSOE.

Mesmo evocou a figura do concelleiro do PP de Ermua Miguel Ángel Blanco, secuestrado hoxe fai 26 anos e asasinado por ETA tres días máis tarde, para rexeitar "leccións" de pactos do socialista.

Un dos momentos máis tensos do debate foi á conta das políticas de igualdade e da protección da muller. Sánchez acusa o PP de claudicar ante o machismo de Vox. Feijóo lémbralle que foi el o que asinou a lei que permitiu rebaixar condenas e liberar agresores sexuais.

Non só neste ámbito mostraron as súas enormes distancias, patentes desde o primeiro bloque dedicado á economía, onde nin na veracidade dos datos coincidiron. A palabra "mentira" foi pronunciada con frecuencia por un e outro, para desmentirse reciprocamente e deixar claro que o opoñente non tiña razón.

Pedro Sánchez tentou facer valer os bos datos dun crecemento do emprego "como nunca", pero o seu adversario remarcou unha e outra vez que é quen menos emprego logrou, botoulle en cara a inflación, a alza das hipotecas e as dificultades de España para recuperar o seu PIB.

Para defenderse, o líder do PSOE reprochoulle que non facilitase vivendas protexidas cando presidía a Xunta de Galicia.

Outra fronte aberta con insistencia por Feijóo foi a da política española con Marrocos, ao preguntar a Sánchez que pactou con este país ao cambiar a súa posición respecto ao Sáhara; aí aproveitou para prometer que el si informará á oposición e ao Congreso da súa estratexia internacional se chega á Moncloa.

O uso do Falcon para viaxes persoais ou do seu partido saíu tamén á palestra.O xefe do Executivo replicou lembrando que foi o Goberno de José María Aznar o que comprou por 76 millóns de euros tres desas aeronaves e recalcou que el os utiliza para viaxar a Kiiv e solidarizarse con Ucraína e Aznar para declarar desde os Azores unha guerra "ilegal" como a de Iraq.

Feijóo tamén pediu a Sánchez modificar a lei electoral para que non se poidan presentar ás eleccións condenados por terrorismo, por sedición ou por ser prófugo, pensando en Bildu e Carles Puigdemont, sen tampouco obter contestación do presidente.

Só na última etapa do cara a cara se interromperon algo menos, porque a tónica xeral da cita foi a de quitárense a palabra, falaren á vez ou non deixaren terminar os argumentos do adversario, ata chegar ao chamado "minuto de ouro".

Sánchez utilizouno para alertar de que o 23X España opta entre seguir "avanzando" ou entrar da man de Abascal e Feijóo "nun túnel do tempo tenebroso", mentres Feijóo pediu un voto masivo para unha "maioría forte" que non precise "contar cos extremos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade