Sánchez reivindica a "xustiza social" como referente electoral do PSOE
Sánchez reivindica a "xustiza social" como referente electoral do PSOE
O líder socialista explicou que o "plan oculto" que lle atribúe a dereita consiste en subir as pensións e o salario mínimo ou poñerlle un imposto especial á banca
Sánchez presentou a Reyes Maroto no inicio da carreira electoral da ministra para a alcaldía de Madrid e apelou a rexeitar nas urnas as políticas neoliberais
Pedro Sánchez e Reyes Maroto, a ministra de Industria que será cabeza de cartel para o concello madrileño, coincidiron en que o mellor para Madrid e España "está por chegar". Explicou Sánchez que a dereita lle atribúe plans ocultos e que o verdadeiro plan do PSOE é o da xustiza social fronte ao proxecto neoliberal.
"Pois non parece que sexa moi oculto subir o salario mínimo interprofesional a mil oitenta euros ao mes, revalorizar as pensións conforme ao IPC, ter agora mesmo a temporalidade máis baixa dos últimos anos como consecuencia dunha reforma laboral pactada entre empresarios, sindicatos e o Goberno de España. Non, non, nós non temos un plan oculto".
Pedro Sánchez reivindicou o imposto especial á banca fronte aos rescates financeiros do goberno do PP e salientou que agora España propón solucións de alcance europeo.
"Cando gobernaba a dereita, durante a crise financeira, asumiu uns postulados morais que dicían que o sur de Europa non sabía xestionar. Importamos rescates financeiros e agora o que exporta España é todo o contrario. Son solucións xustas para Europa e tamén para España. Ou non o é a solución ibérica".